De avogado e empresario a político: «Levaban 20 anos chamándome, pero agora animoume o traballo de Elena Candia»

U. C. LUGO / LA VOZ

CASTROVERDE

Pablo Figueiras en Castroverde
Pablo Figueiras en Castroverde Óscar Cela

Pablo Figueiras, o candidato do PP en Castroverde, chega cargado de proxectos, como explotar o Camiño Primitivo e o polígono industrial

01 mar 2023 . Actualizado a las 11:51 h.

Pablo Figueiras é avogado no bufete Piroscia; rexenta o bar O Consulado, ambos en Lugo; é propietario do bar Roma de Castroverde, no que tamén vai abrir unha nova pensión do municipio este mes de maio. Licenciado en Dereito e empresario, no que quere investir agora é na mellora da súa localidade natal. O castroverdense de 48 anos estréase en política como candidato do PP para acabar co «estancamento» no que leva anos o concello.

—Por que se decidiu agora a meterse en política?

—Lévanme chamando para isto hai 20 anos. O primeiro foi Cacharro sobre o ano 2000. Cría que non era o momento porque non estaba preparado, estaba empezando a actividade no despacho. Catro anos despois, seguía consolidando o bufete de avogados, e así sucesivamente. O que me convenceu agora foi a dirección provincial do PP, porque me parece xente moi traballadora, moi implicada. En especial, quería personificar o esforzo de Elena Candia. Sorprendeume moitísimo a súa forma de ser, a súa implicación e o seu traballo.

—Pero sempre tivo o interese?

—Ao estudar Dereito sempre tes o 'gusanillo' porque está vinculado á política. E tamén porque, aínda que nacín en Suíza porque os meus pais son emigrantes, sempre me preocupou moito o meu pobo.

—Vai abrir a primeira pensión de Castroverde. É o seú primeiro investimento alí?

—A miña familia tivo vinculación empresarial dende sempre. Os meus pais tiveron un supermercado durante trinta anos, temos o bar e agora impliqueime máis a nivel empresarial cunha inversión importante porque creo en Castroverde.

—O primeiro que fixo ao declararse candidato foi chamar ao alcalde, Xosé María Arias. Por que?

—Antes incluso de que se anunciase decidín chamalo antes de nada porque me parece o máis razoable. Non vou buscando enfrontamentos persoais, non teño ningún odio especial contra ninguén, só quero aplicar as miñas ideas. Tamén chamei a candidata do BNG, Iria Castro.

—Como ve Castroverde?

—Creo que o proxecto do alcalde está esgotado. Non soubo aproveitar que a Deputación estivese ao seu favor. Castroverde está estancado. Non evolucionou absolutamente nada. O alcalde está lonxe dos veciños, máis centrado na Deputación, e o concello necesita un rexedor que estea cos veciños.

—Como pensa reverter as sucesivas vitorias socialistas?

—Traballando moito. O PSOE ten resultados favorables, pero nós buscamos competencia con proxecto. Xa traballamos as ideas e témolo claro.

—Que proxectos ten?

—Principalmente queremos explotar o Camiño Primitivo, que dende o ano pasado viviu un gran subidón, e tamén potenciar o polígono industrial. Tamén é necesario mellorar o Servizo de Axuda no Fogar. Temos un plan para vías municipais, para pistas deportivas e para fomentar a participación veciñal. Apoiaremos ás asociacións, ás iniciativas deportivas, ao sector primario, e impulsaremos un museo dedicado a Paco Pestana. Tamén rebaixaremos os impostos de empresas e autónomos, promoveremos bonificación de taxas e rebaixa do IBI. A sorte que teño é contar co apoio institucional para poder levar a cabo con seguridade todas estas iniciativas