Protesta dos veciños de Cervantes en Pedrafita do Cebreiro pola falta de médico en Doiras
CERVANTES
Reclaman ao Sergas que cubra a vacante do centro de saúde
18 ago 2024 . Actualizado a las 19:53 h.Os veciños e veciñas de Cervantes concentráronse na tarde de este sábado en Pedrafita do Cebreiro para seguir a reclamar a promesa que a Consellería de Sanidade fixo pública da reapertura do consultorio de Doiras, co servizo de enfermería, no mes de agosto.
«Pasou medio mes de agosto e seguimos co consultorio de Doiras a medio gas, abrindo só dous días á semana e só co servizo de enfermeria, as veciñas e veciños de das parroquias afectadas estamos cansas de que servizo do Sergas nos tome o pelo coa reapertura deste consultorio, esto non é suficiente, as veciñas e veciños das parroquias afectadas precisan servizo médico tódolos días, precisan que as súas necesidades sexan cubertas ao completo», explicou Amelia Amigo voceira das veciñas afectadas.
Sinalan que o centro de saúde de Doiras viña prestando asistencia sanitaria de luns a venres entre as 10.00 e as 15.00 horas a un total de 238 persoas. «Agora, esta poboación pode ter que desprazarse 18 quilómetros mais dos que xa fai agora. Unha distancia que en tempo se multiplica pola orografía do noso concello, chegando a desprazamentos de arredor de 40 minutos, pois o servizo de enfermaría non é suficiente para atendelos, pois as atencións médicas seguen sen estar cubertas en Doiras», sinalan.
A plataforma que reclama a mellora sanitaria para Doiras fixo a protesta en Pedrafita «para visibilizar fóra do noso concello este problema da veciñanza xa que falamos dunha poboación de máis de 65 anos na súa maior parte que non dispón de servizo de transporte público».
Desprotexidos
Amelia indicou que a perda do servizo sanitario «supón unha vulneración flagrante dos dereitos fundamentais da veciñanza afectada directamente, que impide o seu acceso á sanidade pública de maneira próxima e afonda na desigualdade, cada vez maior, da poboación dos concellos rurais e especialmente da montaña. Ademais afectará de xeito importante á calidade do servizo prestado no conxunto do concello».
Ademais disto, indicaron o centro médico de San Román quedou se atención médica varios días no mes de agosto, «así que a veciñanza de Cervantes non tivo atención médica en todo o concello, tendo que desprazarse ata Pedrafia, «o que demostra a atención que dende a Consellaría de Sanidade lle prestan a Cervantes».
Os convocantes
Os convocantes da manifestación e asinsante dun manifesto foron a Asociación cultural xuvenil A Cambela, Anpa CPI Cervantes, Os Xardois, BNG, PSdeG-PSOE, Rente ao Couce, Son de Cores, Casa Quindós, CDR Ancares, Teitos do Piornedo, FADEMUR, Asociación de mulleres rurais Ledicia e A.C. O Teixeiro.
No documento asinado sinalan:
«1.Rexeitamos o peche do consultorio de Doiras».
«2. Denunciamos as mentiras do PP pois o consultorio de Doiras só abre con atención enfermería e só 2 días á semana».
«3. Demandamos da Xunta de Galiza que cubra de maneira inmediata a praza de médica que fica vacante no centro de saúde de Doiras, así como que garanta a continuidade da enfermaría durante toda a semana co obxectivo de que a poboación adscrita a este centro continúe a recibir asistencia con normalidade nel».