Porcís

Olegario Sampedro NO FUSCOLUSCO

CERVANTES

Ana Garcia

Esa aldea é un exemplo, e mesmo a epítome, desa Galicia rural baldeirada

23 ago 2024 . Actualizado a las 13:10 h.

Festa de Porcís, 17 de agosto do 2024, a verbena a partir das 21.00 horas corre a cargo de La Hora Bruja e Dj Javi Machito Music. Así rezaba un anuncio pegado na parede dun bar en Pedrafita do Cebreiro onde paramos a tomar un café.

Intrigado, consultei na internet, e inmediatamente o gran oráculo que é Google reveloume que o lugar da festividade viña a ser onde Xesucristo deu as tres voces: unha afastada e minúscula poboación no municipio de Cervantes, situado en Lugo, que, segundo o Instituto Nacional de Estadística, no 2013 contaba con só seis habitantes. O Rubio, un afable taxista local, confirmoume que na actualidade eran incluso menos os residentes naquel núcleo.

Marabilloume, mais non me sorprendeu. Esa aldea é un exemplo, e mesmo a epítome, desa Galicia rural baldeirada, esquecida e ignorada; esa mesma coa que a Unión Europea se comporta como Saturno devorando os seus propios fillos e que, con cada disposición agrícola ou gandeira, regala un novo cravo co que fechar a tapa do seu cadaleito.

Esa Galicia de profundis desoída e, quizais, só visitada cada catro anos por políticos que intentan trocar votos por promesas de piche, beirarrúas para a lama ou marquesiñas de autobuses que só expedirán billetes de partida, nunca de volta. Non obstante, resiste e celebra, sen fallo, o seu particular festexo parroquial.

Unha lectura simplista, ou mesmo supremacista, interpretaría que este ardoroso empeño na celebración destas xoldras rurais é o derradeiro canto dun cisne moribundo. Mais, pola contra, son un magno exercicio de dignidade que só a xente de ben entende na súa total dimensión: un profundo respecto polo territorio físico e humano que os viu nacer.

Porque é xusto aquí, na consideración do escenario natal dos nosos devanceiros como un tesouro a protexer, onde reside a base da nosa identidade psicosocial e un dos ingredientes indispensables para alcanzar o acmé (ou plena madurez) como persoas.

Desafortunadamente, non puiden quedar e participar naquela troula, pero fíxenme a promesa de estar atento cada vez que escoite, ao lonxe, bombas de palenque. Será o sinal de que nese preciso momento, nalgún remoto lugar, se lle seguen mostrando os dentes ao esquecemento como colectividade, como individuos e como seres humanos.

Longa vida a todos os Porcís do noso benquerido Fogar de Breogán!