Díaz Castro, asignatura aprobada en Guitiriz para o vindeiro curso

GUITIRIZ

SUSO PENA

Alumnos do instituto estrearon hoxe un percorrido pola vila inspirado no poeta 

18 jun 2015 . Actualizado a las 20:21 h.

O curso escolar remata en Guitiriz con Xosé María Díaz Castro, pero o vindeiro xa se agarda cunha perspectiva semellante. Alumnos do instituto, que leva o nome do poeta, realizaron esta mañá un percorrido pola vila que veu significar, en certa maneira, a estrea dun roteiro que se quere manter activo en vindeiros meses, nos que se agarda a visita de rapaces doutros centros de ensino.

O Curro Vello, a estación de tren, a Casa das Palabras ou a Escola Habanera son algúns dos espazos que se percorren no roteiro, durante o cal se realizan tamén xogos e actividades vencelladas coa poesía. Os que hoxe recibiron as explicacións eran tamén rapaces do centro, pero espérase que no vindeiro curso acudan alumnos de colexios e de institutos de todo Galicia.

Por outra banda, no IES Díaz Castro inaugurouse esta mañá a exposición «Unha insua para Díaz Castro», que percorre en paneis a vida e a obra do poeta e que xa estivo instalada en Lugo.