O Concello presentou un certame que leva o nome do poeta
05 nov 2015 . Actualizado a las 23:02 h.O 2014 foi, non só para Guitiriz senón para todo Galicia, o ano de Xosé María Díaz Castro. O centenario do seu nacemento coincidiu co protagonismo como figura lembrada no Día das Letras Galegas, de xeito que arredor da vida e da obra do poeta se organizaron actos ao longo do ano. Pero a memoria, lonxe de diminuír, mantense e mesmo explora novas vías, como se expuxo esta tarde na Casa do Concello.
No salón de plenos presentouse o premio que leva o nome do autor de «Nimbos» e que promove o Concello. A alcaldesa, Regina Polín, o editor Miguel Anxo Fernán Vello e o crítico literario Armando Requeixo, estudoso do poeta dos Vilares, foron algúns dos asistentes ao acto. A presentación, por outra banda, celebrouse un mes depois de que Díaz Castro fose lembrado con varios actos, no concello no que naceu e no que está enterrado, ao cumprírense 25 anos do seu pasamento.