O guitiricense José Antonio Cascudo prepara un traballo sobre a serie tras dirixir un documental sobre Díaz Castro
05 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Falando en termos futbolísticos, de José Antonio Cascudo pode dicirse que chegou a estar no momento xusto no lugar axeitado, coas sabidas probabilidades de gol que se lle presentan nese caso a un dianteiro. Fixo sobre Xosé María Díaz Castro, «O instante eterno», pensando en telo listo para o centenario do nacemento do poeta (1914). Así ocorreu, pero esa circunstancia uniuse coa decisión da Real Academia Galega de dedicarlle ese ano o Día das Letras Galegas, de xeito que a difusión foi maior.
Agora, dous anos despois de que o seu traballo sobre o autor de Nimbos», co que comparte orixes na parroquia guitiricense dos Vilares, sumase numerosas proxeccións, o seu labor segue camiños distintos, polo menos nunha primeria impresión: está a elaborar un traballo de investigación sobre «Mad men», serie de éxito nestes anos recentes, no Departamento de Antropoloxía Social da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
¿Hai algo en común entre un poeta chairego do século pasado, que non deixou de falar o galego da comarca natal malia vivir décadas fóra de Galicia, e unha serie que se ambienta nos Estados Unidos de hai arredor de 60 anos? En primeiro lugar, o soporte elixido. Cascudo cre que o soporte audiovisual no só é imprescindible senón que lle gañou «o terreo a outras disciplinas». Engade que a comparanza máis doada pode facerse coa literatura; e admite que el e a xente da súa idade aínda len en papel pero que os adolescentes de hoxe xa non o farán.
Díaz Castro, malia unha primeira impresión que o pode situar como un poeta case místico e de fondas inquietudes existenciais e relixiosas, non deixou de preocuparse pola Galicia do seu tempo: por exemplo, nos derradeiros anos da súa vida, pasados en Guitiriz, comentaba a súa inquietude polos incendios forestais; e «Penélope», un dos poemas máis coñecidos de «Nimbos», comeza cuns versos que semellan abondo explícitos («Un paso adiante e outro atrás, Galiza, / e a tea dos teus soños non se move»).
En «Mad men», explica Cascudo, hai un fenómeno moi presente na Norteamérica dos 50: a década anterior déralles moito protagonismo social e laboral ás mulleres; pero neses anos, cos homes xa de volta ao rematar a Segunda Guerra Mundial, o seu papel doméstico converteuse de novo no principal eixe das súas vidas, o cal foi, nalgúns casos, fonte de desacougos e de inquietudes baixo unha apariencia de vida feliz e normal.
En calquera caso, Cascudo cre que non hai tantas diferenzas entre uns lugares e outros, entre os asuntos que preocupan a homes e a mulleres. Subliña que se a televisión nos familiarizou con modos de vida teoricamente alleos, tamén vale para o camiño inverso. «Todos os lugares -di Cascudo- teñen a súa idiosincrasia. O século XX foi o da imaxe. Hoxe coñecemos a cultura xaponesa, a de Sri Lanka..., e podemos comparala coa nosa».
¿Cómo se podería presentar entón a Terra Chá nunha serie? ¿Que segredos deberían contárselle ou insinuárselle ao espectador? «O silencio e a néboa», afirma Cascudo, son os maiores e mellores segredos da comarca. Comenta unha experiencia que amigos e coñecidos seus doutras zonas lle contan ás veces: van pola A-6 baixo o sol ata que de súpeto, pasando por Guitiriz, a néboa os envolve. Sería se cadra un bo comezo para unha historia...