Presenza chairega na cultura galega que se fai escoitar en Bruxelas

GUITIRIZ

CEDIDA

Asociacións de Guitiriz, de Cabreiros e de Muimenta participan na estadía no Parlamento Europeo

07 dic 2016 . Actualizado a las 12:51 h.

«Europa naceu camiñando cara a poñente, desde as migracións ata o Camiño de Santiago». Así comeza a declaración que asociacións galegas presentan estes días en Bruxelas, a onde se desprazaron co gallo dunhas xornadas dedicadas precisamente á cultura de Galicia. «As galegas e os galegos entendemos a cultura como un dos elementos do feito nacional que máis nos achega e inclúe en Europa», dise no texto, no que tamén se critica ao goberno da Xunta por ter diminuído os investimentos en cultura: en «só catro anos», engádese, baixaron un 44%.

A defensa da cultura e da lingua como «patrimonio inmaterial colectivo» é un dos alicerces nos que se basea a esixencia do dereito á «produción, oferta, diversidade, recursos e medios de expresión da cultura de forma efectiva e universal».

Entre as asociacións que teñen presenza nese grupo están Xermolos (Guitiriz), a de veciños de Cabreiros e tres de Muimenta (Xotramu, Carabullo e Iglesia Alvariño). Algunhas como Xermolos xa amosaron hai días a súa vontade de empregar a viaxe para expoñer proxectos como a restauración da casa natal do poeta Xosé María Díaz Castro, situada  no barrio do Vilariño (Os Vilares).