O mércores estréase o primeiro dos spots rodados no concello guitiricense
06 mar 2017 . Actualizado a las 21:31 h.Minuto e medio non chega para escoitar unha cancion, pero si para entender a mensaxe que tenta salvar da ruína a casa onde naceu e viviu un poeta. Onte presentáronse os dous spots que se rodaron en Guitiriz, en semanas pasadas, para concienciar á xente da necesidade de restaurar a casa natal de Xosé María Díaz Castro (1914-1990). Un deles, no que aparecen xentes de oficios tradicionais, estréase o mércores, ás doce do mediodía, aínda que non haberá un acto protocolario senón que se subirá ás redes sociais. O outro comezará o seu percorrido dúas semanas despois. Máis adiante comezará unha campaña de procura de achegas económicas, que tamén, por outra banda, estará presente no concurso de tapas de Guitiriz, que comezará o xoves: a asociación de hostaleiros entregará á Asociación Cultural Xermolos, propietaria da cada, cinco céntimos por cada tapa que se sirva, e nos locais participantes poderán deixarse doazóns para ese obxectivo.
A casa, situada no barrio do Vilariño (Os Vilares), precisa arranxos, sobre todo no tellado. A intención de Xermolos é convertela nun espazo de usos socioculturais, ademais de lugar onde se expoñan materiais vencellados co poeta.