Estreáse o segundo «spot» que espalla a mensaxe de restaurar a casa natal do poeta Díaz Castro
17 mar 2017 . Actualizado a las 14:45 h.«Salvemos a casa de Díaz Castro». É unha idea, unha mensaxe, unha necesidade. A frase estase a repetir, case como un eslogan, e aparece nas redes sociais. Hoxe estreouse o segundo dos «spots» cos que se tenta espallar ese punto de vista.
Foi rodado en lugares do concello guitiricense, no que naceu Xosé María Díaz Castro (1914-1990). Personaxes coñecidos (a profesora do IES Díaz Castro Sandra Tenreiro, a hostaleira Pilar García ou o artesán Marcos Ladra, por exemplo) aparecen no «spot» repetindo unha mensaxe clara e contundente: «Salvemos a casa de Díaz Castro», repiten na pantalla.
O vídeo estreouse este mediodía e xa se pode ver no perfil de Facebook do colectivo que leva por nome Salvemos a casa de Díaz Castro. Hai varios días estreouse o primeiro, no que aparecen persoas vencelladas con oficios tradicionais. Nos dous óese a voz en «off», como narrador, de Bruno Pena, responsable da rodaxe con Suso Pena e con José Manuel Veiga.
Entrementres, a achega de fondos para restaurar a devandita casa, situada no barrio do Vilariño (Os Vilares) e propiedade da Asociación Cultural Xermolos, xa comezou. Por unha banda, a asociación local de hostaleiros entregará a Xermolos cinco céntimos por cada tapa servida no concurso gastronómico deste ano, que remata o domingo; por outra, prevese principiar unha campaña de busca de pequenos patrocinios para desenvolver o proxecto.