Presentarase o proxecto de recuperación da casa natal de Díaz Castro e proxectarase A chave de Bascuas
09 may 2017 . Actualizado a las 12:22 h.Guitiriz terá importante protagonismo en actividades que nos vindeiros días, co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, se celebrarán no País Vasco. A campaña de recuperación da casa natal do poeta Xosé María Díaz Castro (organizada pola Asociación Cultural Xermolos, propietaria do inmoble, situado na parroquia dos Vilares) e a proxección da curtametraxe «A chave de Bascuas» (rodado no concello, baseado nun rito vencellado coa parroquia de San Salvador de Parga e dirixido polo guitiricense Bruno Pena) amosarán esa presenza.
Na Universidade de Deusto (día 19, 18 horas), na Casa de Galicia de Santurce (día 19, 20 horas), no Centro Galego de Laudio (día 20, 19 horas), no Conservatorio de Sestao (día 21, 11.30 horas) e no local da asociación de veciños de Masustegi (día 21, 18 horas) celebraranse eses actos.
Dous membros de Xermolos (o coordinador, Alfonso Blanco, e José Manuel Veiga) e o director da curtametraxe, Bruno Pena, viaxarán ao País Vasco, onde tamén participarán na descuberta dun monolito de homenaxe a Manuel María, realizado polo chairego Xosé Val, Valdi., e na presentación do libro «Rimas de Frei Bento do santo nome de Santo Alberte», de José André López.