![Lucecús participa na feira de Navia](https://img.lavdg.com/sc/4f5kXPXCqinYvrq1sa7odLF6kgk=/480x/2023/08/30/00121693394581953230628/Foto/LG31C6F2_13221.jpg)
Neste taller de Guitiriz as irmáns Barral están especializadas en bonecos de fieltro sen data de caducidade
30 ago 2023 . Actualizado a las 14:00 h.Bonecos para toda a vida e para todas as idades, detalles orixinais cheos de tenrura e palabras que tocan o corazonciño. Todo iso ofrecen no obradoiro Lucecús, de Guitiriz, as irmás Rocío e Belén Barral, que botan man de feltro, teas de algodón, ganchillo, abelorios, las e unha fonda inspiración na cultura popular galega e mesmo no cine e na literatura para elaborar as súas creacións, todas únicas e feitas a man. Están especializadas na realización de bonecos, de diferentes tamaños, pero tamén elaboran broches, pendentes, moedeiros, chaveiros, pins...
As creacións non teñen data de caducidade: «Facemos bonecos para toda a vida», explica Rocío Barral, sempre personalizados e únicos. Ademais, fan roupa, calzado e complementos para os bonecos, de forma que se lles poida ir cambiando. Personalizan todo o que fan e iso convérteas en pezas únicas.
A súa vinculación aos grupos de música tradicional déixase sentir nas recreacións dos traxes tradicionais galegos, nos pins de pandeireta ou gaita... Tamén se inspiran en personaxes de contos ou películas, como O Principiño, Harry Potter, Mary Poppins, O Mago de Oz, Pippi Calzaslargas, Ana das Tellas Verdes, Alicia no País das Marabillas, Star Wars...
Os produtos pódense adquirir contactando co obradoiro directamente, e en tendas especializadas, como El Alquimista de Lugo ou outras de Pontevedra e Vigo. Son creacións, ademais, que se prestan moi ben para agasallar, xa que fan envíos das pezas acompañadas dunha tarxeta escrita a man cunhas verbas especiais. Ningún detalle se lles escapa.
As irmáns Rocío e Belén Barral inspíranse en contos, películas e a cultura galega.