Os pementos de Mougán deleitarán hoxe aos asistentes á festa de Guntín

C.L.?González

GUNTÍN

25 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

O pemento de Mougán volverá ser de novo o protagonista na festa de exaltación deste produto que hoxe ten lugar na carballeira de Meixaboi, en Guntín. Esta celebración, que se iniciou sen demasiada transcendencia, foi gañando en importancia e a medida que van pasando as diferentes edicións -esta será a sexta- vai gañando adeptos, de tal xeito que cada vez son máis as persoas que teñen sinalada no calendario esta cita gastronómica.

Como sinalan dende o Concello de Guntín, organizador desta festa, o programa de actos practicamente non presenta novidades, porque a razón última desta celebración é dar a coñecer o pemento de Mougán para que todos os que o proben se convertan despois en transmisores das súas cualidades. Así pois, nesta xornada a música e a gastronomía irán da man para que o disfrute dos asistentes sexa maior.

Para empezar, ás doce e media haberá unha actuación da Banda Municipal, á que seguirá, unha hora máis tarde, a lectura do pregón. As palabras do escritor Vicente Piñeiro González darán paso á agardada degustación gratuíta dos pementos de Mougán, que os asistentes poderán degustar fritidos, en tortilla, ou ben, en empanada. Mentres tanto a carballeira de Meixaboi, o fermoso paraxe onde ten lugar esta celebración, irase enchendo de persoas que aproveitarán esta apacible xornada para comer ao aire libre. No recinto instalarase un bar no que se poderá adquirir a comida, pero os que o desexen tamén poden levala da casa.

Ao longo da tarde aínda se sucederán máis actividades de ocio, entre elas un campionato de tute. Tampouco faltará a música por parte dun grupo de gaitas, unha charanga e unha orquestra, que amenizará tamén a verbena que terá lugar na propia carballeira e que animará a bailar aos que queiran.

Como non podería ser doutra forma, a organización desta festa de exaltación anima a todo o mundo a acudir hoxe a Guntín para degustar un pemento pequeno, de pel fina, coa punta redondeada, carnoso e moi saboroso, unhas cualidades que só presenta este produto cultivado en terras guntinesas e que o fan único e diferente a calquera outro. O segredo para que estes pementos presenten a máxima calidade reside nos coidados que lles proporcionan as xentes que os cultivan e tamén nas condicións climáticas da zona, xa que requiren calor e un bo rego. Segundo os entendidos, o mellor momento para consumir este produto é cando aínda está verde e é pequeno, xa que do contrario arríscanse a saborear un pemento que teña un lixeiro picor.