María de los Ángeles Verea recibirá o premio nun acto na Casa de Cultura de Guntín
04 nov 2024 . Actualizado a las 19:33 h.María de los Ángeles Verea Castelo, profesora que imparte clases de Historia nun centro de A Coruña, foi a gañadora da última edición de Certame de Investigación Condado de Pallares co traballo titulado A explotación de arxila e a súa transformación nas terras do Condado de Pallares. O xurado do premio destacou a temática novidosa do estudio, que segundo sinala «pon en valor un patrimonio industrial inxustamente esquecido, patrimonio que tivo unha gran transcendencia na nosa terra, especialmente no Condado de Pallares».
O premio está promovido pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, coa colaboración da Xunta de Galicia, da Deputación de Lugo, dos concellos de Guntín, Taboada e Chantada, da Caixa Rural Galega e dos grupos de desenvolvemento rural Comarca de Lugo e Miño-Ulla. A dotación económica é de 3.000 euros e o premio inclúe a publicación do traballo. O acto de entrega na edición deste ano terá lugar na Casa de Cultura de Guntín o último venres do presente mes de novembro.
O xurado desta dezaoito edición do concurso estivo integrado polos profesores da Facultade de Humanidades Carlos Baliñas Pérez e Gonzalo Fernández Suárez, polo investigador Fernando Arribas Arias e por Eduardo Fernández Ares, que actuou como secretario. Nacida na localidade coruñesa de Boimorto, a gañadora é licenciada en Historia da Arte e Doutora en Xeografía. Descendente dunha coñecida saga de telleiros, compaxina a docencia coa investigación da cerámica e é autora de varios traballos sobre esta temática.
O obxectivo do premio é promover a investigación nas áreas de lingüística, historia, arte, arqueoloxía, antropoloxía, etnografía e folclore no ámbito territorial que conformaba o antigo Condado de Pallares, que comprende os concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo.