Animada Festa dos Avós en Láncara

lugo LA VOZ

LÁNCARA

Unhas trescentas persoas participaron nesta cita, que se recupera trala pandemia

30 abr 2022 . Actualizado a las 17:10 h.

A décimo terceira Festa dos Avós de Láncara celebrouse este sábado nunha xornada de sol e na que participaron máis de 300 persoas, nunha carpa instalada no Campo da Feira do municipio. Na cita, previa á Feira de Degustación de Tenreira que se celebra este domingo, contou coa presenza do presidente da Deputación, José Tomé Roca; o alcalde lancarés, Darío Piñeiro; a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez; e o primeiro tenente de Alcalde de Láncara e deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, ademais de membros da corporación municipal.

O mandatario provincial felicitou ao rexedor e ao Concello por recuperar este encontro grazas ao que «os nosos maiores se poden volver a xuntar, unha festa especial porque eles sufriron especialmente a pandemia, polo perigo para a súa saúde e polas limitacións sociais que impuxo a covid».

José Tomé lembrou que a institución provincial destina «máis dun terzo do orzamento a políticas sociais, sobre todo á prestación do Servizo de Axuda no Fogar, á Teleasistencia Domiciliaria as 24 horas e á rede de centros públicos de atención aos maiores que temos en marcha».

O presidente destacou que as residencias da Deputación, situadas no rural, «están pensadas para que os nosos maiores non teñan que marchar do seu entorno para recibir a debida atención. Uns centros de pequeno tamaño, nos que prima o coidado ás persoas, porque non buscamos a rendibilidade económica, senón a rendibilidade social. Unha rendibilidade social na que teñen un papel central o persoal sociosanitario que traballa nas nosas residencias». 

Las autoridades en la Festa dos Avós de Láncara
Las autoridades en la Festa dos Avós de Láncara

A Festa dos Avós de Láncara, a primeira tras dous anos de pandemia, desenvolveuse nun ambiente festivo e de reencontro. Celébrase no marco da programación organizada esta fin de semana polo Concello con motivo da XXIII Feira Degustación da Tenreira Galega.