Lugo presenta un proxecto artístico de recuperación da memoria histórica
13 oct 2021 . Actualizado a las 11:27 h.Hoxe e mañá • 20.30 horas • Casa do Saber (Lugo) • Entradas en cultura.lugo@usc.es. Retransmisión por «streaming» en ir.gl/mulleresnamemoria •
Poesía e música darán voz ás represaliadas polo franquismo, grazas ao proxecto «Mulleres na memoria», impulsado pola Vicepresidencia da Deputación e a área de Cultura da USC. A arte servirá así para restaurar a memoria das mulleres asasinadas.
Tomando como referencia a publicación Ámote vermella (Xerais, 2009) de Claudio Rodríguez Fer, con poemas dedicados a mulleres represaliadas polo franquismo, propúxose a cinco músicos e grupos lucenses a composición de cadansúa peza. Poeta e músicos traballaron conxuntamente a selección dos poemas e a documentación de contextualización de cada un deles, resultando un repertorio que se dará a coñecer na Casa do Saber.
Hoxe, Rodríguez Fer e Carmen Blanco ofrecerán o recital-conferencia Vivas en nós, no que abordarán o contido e orixe dos poemas de Ámote vermella, contextualizando o proxecto. Mañá, presentaranse as creacións artísticas que xurdiron da conxunción entre a poesía e a música.
Poemas e grupos
O grupo lucense Hit the Bit puxo música ao poema A Juana Capdevielle, sobre a arquiveira e bibliotecaria Juana Capdevielle, pioneira en campos intelectuais ligados á pedagoxía e asasinada en agosto do 36 en Rábade.
A compositora e cantante Olalla Caamaño, vocalista de grupos de música alternativa como Musel ou Las Palmeras e recoñecida como unha das mellores voces da escena galega, musicou Un tranvía chamado Urania, poema dedicado á profesora de piano e solfeo Urania Mella, moi implicada na defensa dos dereitos das mulleres, comezando moi cedo a ensinar e ler ás mulleres do barrio de Lavadores, en Vigo.
De Iria Estévez e Gonzalo Piña, membros fundadores do grupo lugués Clave de Fado, saíu a música para Mulleres libres no monto, un canto a todas as perseguidas polo franquismo polas súas ideas de cambio e progreso.
O grupo Los Zorros, cunha traxectoria ligada ás influencias do jazz, soul, folk,country e rock&roll, compuxo un tema sobre E aínda lle chaman comunista, en memoria de Consuelo Alonso, vendedora de xornais en Monforte e fusilada en maio do 38.
A cantautora folk Paloma Suanzes encargouse de musicar As tres mapoulas de Montecubeiro, poema escrito en memoria da traballadora Virxinia Meilán Varela e das mozas Carmen Sarille Lenceiro e Manuela Graña Rico, asasinadas en Montecubeiro (Castroverde) en agosto do 37.
A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, explicou que «o proxecto retoma unha obra de referencia na restauración da memoria das mulleres represaliadas polo franquismo, como é Ámote vermella, de Rodríguez Fer, involucrando a novas xeracións de artistas e aos seus públicos». Destacou «a relevancia do traballo cultural académico no ámbito da memoria histórica fronte á escaseza de iniciativas institucionais que se teñen desenvolvido neste ámbito» e valorou a «perspectiva de xénero coa que se abordou o proxecto, poñendo o foco nas mulleres dobremente esquecidas no relato a sublevación militar do 36 e da ditadura». Ferreiro lembrou que «a iniciativa reforza a colaboración que vimos mantendo coa USC, con financiamento para apoiar a actividade académica e investigadora do Campus Terra, e tamén con programacións conxuntas como o Lugo Cultural».
Difusión dixital
Tras o concerto de presentación, a musicalización dos poemas gravarase en estudo para a súa difusión nas canles dixitais e redes sociais da Vicepresidencia da Deputación.
«Mulleres na memoria» segue o formato de Proxecto Lorca, do 2020, propoñéndose entón musicar os Seis poemas galegos do autor granadino, asasinado no 36.