Lugo: O Campus agrícola, agrogandeiro e agroforestal de Galicia

Francisco Maseda LUGO

LUGO CIUDAD

Francisco Maseda Eimil
Francisco Maseda Eimil PALACIOS

O catedrático da USC e exvicerreitor lucense expón a importancia de que se manteñan as titulacións específicas do Campus Terra e o papel que deben de xogar no desenvolvemento da nosa comunidade

14 nov 2023 . Actualizado a las 10:17 h.

Houbo unha época que abrangue a década de dos 90, onde a universidade galega tiña claro que a sede coruñesa, (Campus da Coruña e Ferrol), faríase cargo das titulacións relacionadas coa construción; a viguesa, (Campus de Vigo, Pontevedra e Ourense) acollía, as áreas relacionadas con temas industriais e, finalmente, a de Santiago (Campus de Compostela e Lugo) era considerada universidade integral e nela impartíanse as titulacións clásicas.

Asemade, e por mor da necesidade agraria, os novos estudos cara a desenvolver o sector primario serían establecidos no campus lugués. Isto era unha realidade aceptada por todos.

Lembro tamén a enorme demanda que había entón das devanditas carreiras, nomeadamente Veterinaria, Enxeñería Agronómica e Enxeñería de Montes, que, por outra banda, non resultaron doadas de poñer en marcha. Entón a USC, facendo un esforzo considerable, conseguiu, nun período moi curto, impartir docencia, facer investigación e dotar de todos os servizos ó Campus de Lugo de xeito que, en moi pouco tempo, non desmerecera de calquera outro existente no noso país. Ben é certo que houbo, por parte das institucións administrativas, un apoio moi importante, priorizando sempre as necesidades universitarias. Tamén os medios de comunicación fixeron unha labor que resultou, certamente, imprescindible.

Os tempos cambiaron

Nos tempos que andamos, as cousas mudan de xeito moi significativo e, nese senso, gustaríame compartir algunha reflexión sobre o estes cambios e como poden afectar ó sector agrario.

Para comezar, resulta conveniente lembrar, en primeiro lugar, as transformacións que nos levaron a unha nova forma de produción. Estou a pensar, por exemplo, na maquinaria e na mecanización do sector agroforestal, que permitiu acadar uns rendementos realmente extraordinarios e unha calidade de vida tamén extraordinaria, no medio rural. E do mesmo xeito podo pensar na rega, ou nas colleitas, na agricultura de precisión, na almacenaxe intelixente, e en tantos outros.

Moito se ten avanzado no camiño da racionalización e humanización do traballo agrario, acadando con iso equiparar a produción do sector primario coa produción industrial.

Superándose así a tradicional ligazón da economía daquel sector coa presenza e o traballo físico das persoas, e permitindo que sexa o alto rendemento dos novos factores produtivos os que sosteñan o entramado económico do agro.

Robotización agraria

Pero, nestes tempos, á forma de desenvolver aquel traballo pide un paso máis e unha vez máis, no eido técnico. O labor agrario, ben mecanizado e automatizado, está a pedir algo novo: pide a «robotización». E é aí onde ten o futuro a conquerir a Escola Politécnica Superior posuidora da, moi interesante e de moita actualidade, titulación de Robótica.

Mais non chega con saber robótica, hai que facer algo moitísimo mais esixente, hai que poñer en marcha a robotización do sector produtivo primario pero, ollo! sen esquecer que temos como primeira necesidade a produción sostible e a protección ambiental cara a evitar un futuro, posible por desgraza, que impida a vida na terra.

«Hai que poñer en marcha a robotización do sector produtivo primario»

Para iso é necesario forcener ós nosos investigadores da estabilidade mental que proporciona o traballo en equipo desenvolvido nas distintas áreas de coñecemento e, para acadalo, cómpre que aquela titulación estea arroupada polo resto das establecidas no Campus Terra, fundamentais no conxunto e imprescindibles na individualidade.

Pódese alegar a posibilidade do funcionamento en liña con titulacións fragmentadas e compartidas entre distintas cidades, pero coido que aínda é cedo para iso, pois a colaboración en temas de tanta colaboratividade como a docencia e a investigación necesitan da presenza física é, do que fai a anos, denominábase masa crítica.

Abonda no mundo universitario, ben seguro, moita xente que coñece os principios e as aplicacións da robótica, tamén hai moita xente que sabe produción vexetal e produción animal pero, estou certo, que hai menos coa suficiente maduración en ambos eidos que lles permita conxugalos ó nivel preciso para conseguir éxito naquela robotización.

Hai que considerar, aínda máis, que, se ben, resulta difícil a aplicación robótica no sector industrial, semella moito mais difícil a aplicación robótica na agro-industria, pois a racionalización da mesma, xa complexa de por si, non permite a liberalización necesaria para illar os fundamentos robóticos, transformalos, xunguilos e aplicalos de xeito comprometido nos labores cotiás precisas no sector produtivo primario.

A experiencia da Bretaña

Tentarei con algún exemplo dar concreción ós meus comentarios. Lembro unha estadía que fixen na Universidade da Bretaña francesa, concretamente na Escola de Rennes, aló polos anos 90, coa finalidade de ver os primeiros pasos na robotización do muxido de gando vacún. Os avances resultaban custosos e lentos, pero ían na boa dirección pois hoxe aquela robotización, obviamente tamén ensaiada por moitas outras universidades e institutos de investigación internacionais, está totalmente lograda e as vantaxes que implica son enormes. Por certo, a produción gandeira da Bretaña francesa repercutiu moi positivamente no desenvolvemento daquela zona e coadxuvou, xunto a outros aspectos agrarios, a facer da agrogandería francesa unha das mellores do mundo.

O mesmo se pode dicir da colleita de froitas, das aplicacións fitosanitarias, da agricultura de precisión, dos almacéns intelixentes e un longuísimo etcétera que nos levaría a estendernos fora do alcance destes comentarios moi a «vuela pluma».

«Non remexer as titulacións»

En definitiva tentei, a modo de resumo, poñer algún moi pequeno exemplo do grandísimo traballo a facer na enxeñerías AGRARIA e FORESTAL e do moito valor que ten. E por iso non se debe remexer nas titulacións xa asentadas no noso campus se non, ben a contra, compre apoialas coma sempre se fixo, e convén do mesmo xeito deixar os investigadores e docentes da EPS desenvolver o seu labor, xa complexo de por si e non poñerlles por riba mais cargas e atrancos que lles impidan o éxito no camiño que deben percorrer. Ese éxito é de todos nos. 

Francisco Maseda. Catedrático da USC e Vicerreitor do campus de Lugo de 1994 ao 2002