Alba Felpete, profesora no Conservatorio de Danza de Lugo: «Nos colexios os nenos están moi desconectados do corpo e coa expresión corporal reprimida»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Alba Felpete imparte clases no Conservatorio de Danza de Lugo
Alba Felpete imparte clases no Conservatorio de Danza de Lugo Óscar Cela

A bailarina, poetisa e creadora dirixe tamén o grupo de danza contemporánea Cali, que estrea no Gustavo Freire este domingo, día 14, «Donas», un intenso espectáculo de homenaxe ás mulleres

09 ene 2024 . Actualizado a las 13:08 h.

Bailarina, poetisa, docente, creadora, investigadora en novas técnicas de danza... O compromiso e a implicación de Alba Felpete coa arte está fóra de dúbida. Leva máis de tres décadas bailando, facendo da danza a súa filosofía de vida, ademais da súa profesión. Esta coruñesa, que pasou polo Ballet Galego Rei de Viana e Nova Galega de Danza —como intérprete e docente— é actualmente —desde hai trece anos— profesora de danza contemporánea no Conservatorio Profesional de Danza de Lugo. Ademais, dirixe a compañía de danza Cali, que naceu no 2022. Con esta agrupación estreará en Lugo este domingo, día 14, Donas, un intenso espectáculo de homenaxe ás mulleres. A peza é «unha alegoría aos aspectos femininos da existencia encarnados no corpo da muller, un camiño en feminino que recolle as voces ancestrais e as ilumina no presente. Fala de facernos capitanas das nosas vidas, da ciclicidade, da vida e da morte, da sexualidade, de fondas feridas interxeracionais, de manifestos, de loita, de sororidade e de amor, sobre todo de amor». O espectáculo será ás 20.30 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire. As entradas custan 5 euros, pero pódese adquirir un bono por 24 euros, que dá acceso aos oito espectáculos incluídos ata o 18 de maio no ciclo LED (Lugo en Danza). Están á venda en entradaslugo.es e na Oficina Municipal de Turismo de Lugo.

—Como xurdiu «Donas»?

—É un acto de empoderamento, cun espectáculo feminino. A propia compañía está formada só por mulleres porque Cali xa xurdiu reivindicativa, cun activismo en feminino, como un espazo para unirnos e conectarnos, bailando desde o interior. Cali fai danza que abrangue tamén aspectos psicolóxicos, conectando coas emocións. Facemos danza contemporánea, pero a maiores empregamos técnicas somáticas, para conectar todas as áreas das persoas a través do movemento. Botamos man da biodanza, do ioga... polo que o espectáculo ten unha sensibilidade especial con maior intensidade aínda.

«A barreira entre intérprete e público dilúese neste espectáculo»

—Onde atoparon a inspiración?

—Principalmente, nas mulleres da nosa familia. Pero tamén noutras fontes, como no proxecto «Cuéntalo», da xornalista Cristina Fallarás, onde se recollen testemuñas de mulleres sobre os abusos que sufriron, tanto maltratos evidentes coma outros máis sutís.

—Como foi o traballo de creación?

—Hai primeiro unha labor de recollida de información e de dar forma a ese imaxinario. Tamén houbo que achegar as bases sonoras, facendo fincapé na raíz en Galicia, facer o deseño coreográfico... e, como non, un gran traballo físico e emocional, porque todo este proceso de interiorización implica unha entrega case diaria.

—Como responde o público ante este tipo de espectáculos?

—A barreira entre intérprete e público dilúese neste tipo de espectáculos. Cando actuamos en escenarios coma o MIHL, por exemplo, intentamos que o público se sitúe cerca de nós. Ao comezo do espectáculo xa damos algunha pauta para o público, de xeito que se sintan libres para poder respirar con nós, relaxarse, moverse... Pero a verdade é que é algo que xa sae só, o feedback que recibimos é que o público practicamente acaba bailando. A danza contemporánea ofrece un espectáculo máis íntimo e con máis sensibilidade, pero en Cali é algo aínda máis próximo, sobre todo para as mulleres.

—É a danza unha linguaxe universal ou é necesario educar nesta arte?

—A verdade é que hai pouco público de danza. E creo que niso inflúe a falta de hábito e que non está integrada nas escolas. Cando vamos aos centros educativos, vemos que os propios nenos, a partir dos 10 anos, máis ou menos, xa teñen vergoña para mover o seu corpo coa música. Nos colexios os nenos están moi desconectados do corpo e coa expresión corporal reprimida, deben estar quietos, sentados... e non teñen dinámicas de moverse ou levantarse. Non estamos habituados a expresarnos co corpo, non é algo que teñamos integrado e por iso nos custa máis.

—É Lugo un bo lugar para a danza?

—A verdade é que si, para o tamaño da cidade hai bastantes escolas que dan clases de danza, vemos que medra a afección pola danza e as compañías recibimos certo apoio por parte das administracións.

—Segue sendo un espazo maioritariamente feminino?

—Si, hai moitas máis nenas ca nenos en danza, aí queda moito por facer aínda. Porén, os poucos nenos que hai soen telo moi claro ter moito talento, así que acaban conseguindo traballo máis facilmente. A verdade é que hai que ter moita personalidade sendo un neno que se quere dedicar á danza porque aínda teñen que sufrir moitos prexuízos. 

Equipo artístico e técnico

Elenco bailarinas

María Ferrer Garau, Irma López de Gamarra Lorenzo, María Pichín Rodríguez, Carla Mosteiro Campos, Aroa Pérez Alonso, Iria Rivas Fernández, Marina Rojas Valladolid, Amparo Silva Rodríguez e Ariadna Vázquez Cabana

Dirección

Alba Felpete Facal

Coreografía

Alba Felpete Facal, en colaboración coas bailarinas

Asistencia coreográfica

Sabela Adalid Carracedo

Música

Iain Armstrong

Iluminación

Alumnas de escenografía da EASD Ramón Falcón, coordinadas por Eva Valle Legido

Vestiario

Cali Danza e Entre Hilo & Tela

Son e iluminación

Escóitame Producións

Cartelería e axudante produción

E. Mesías