Así é Bandua Wargames, unha empresa de Lugo que vende xogos de estratexia por todo o mundo

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Óscar Cela

Pablo Rouco xestiona un negocio no que fabrican e venden accesorios, escenografías, xogos e miniaturas nos cinco continentes, ademais de organizar actividades e torneos

28 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O sector dos wargames, é dicir, dos xogos de estratexia ou de batallas sobre taboleiros ou diferentes escenografías, é un negocio e unha afección en auxe que conta cun piar esencial en Lugo. Desde unha cidade periférica que non chega aos 100.000 habitantes, con grandes deficiencias nas comunicacións e con pouca tradición neste hobby, a empresa Bandua Wargames conseguiu posicionarse nos postos máis altos dun sector que move centos de millóns de euros cada ano no mundo. Esta pequena empresa, instalada na rúa Castelao, dedícase á venda, fabricación e organización de actividades relacionadas cos xogos de estratexia.

O impulsor deste proxecto pioneiro en Lugo é Pablo Rouco, que no 2011 puxo os seus aforros e o seu talento ao servizo dunha idea que naceu da súa afección desde a infancia polos wargames. «Eu estudei Historia, non tiña nin idea de informática nin de novas tecnoloxías, pero tiña unha idea clara», lembra Rouco. Comezou no CEI Nodus do Concello de Lugo coa intención de montar unha tenda, pero «empecei a descubrir que había necesidade de crear accesorios», polo que adquiriu a súa primeira cortadora láser e no 2012 deu un paso máis alá: «Decidín que non quería ser solo unha fábrica, senón que tamén quería crear unha marca».

Detalle dunha das figuras dos xogos
Detalle dunha das figuras dos xogos OSCAR CELA

E así, a base de moito esforzo, moita investigación e aprendizaxe polo camiño, foise xestando un equipo de cinco persoas que compite con grandes tendas do sector e se segue consolidando cada día a nivel internacional como marca. De feito, todos os días saen paquetes de mensaxería desde Bandua cara destinos fóra das fronteiras estatais. E iso, tratándose dun proxecto polo que poucos apostaban nos seus inicios, ten máis mérito aínda: «Teño a sorte e o orgullo de que, grazas ao traballo do meu equipo, as nosas creacións e nome son coñecidos e gózanse en lugares que hai anos sería difícil imaxinar».

Para Estados Unidos e Canadá

Como tenda, tanto física como en liña, Bandua comercializa miniaturas, xogos de mesa e wargames, e como marca, deseñan e fabrican complementos e accesorios para os xogos do sector. «Actualmente, estamos consolidados como unha marca a nivel internacional e somos unha das principais tendas estatais no sector. A nosa escenografía para as partidas, accesorios de xogos, de pintura e modelos están presentes hoxe en día en menor ou maior medida nos cinco continentes, sendo o mercado europeo, así como os Estados Unidos e Canadá, os nosos maiores clientes», explica o xerente da empresa.

Maquinaria coa que fabrican os complementos en Bandua
Maquinaria coa que fabrican os complementos en Bandua OSCAR CELA

Un dos seus puntos fortes é buscar a diferenciación: «Sempre lle damos unha volta as cousas. Temos poucos recursos, pero coñecemos moi ben o noso mercado e sabemos adaptarnos. Iso permítenos competir con grandes monstros», continúa Rouco. Esa capacidade de adaptación tradúcese, por exemplo, en que en menos dunha semana desde que sae un novo xogo, teñen xa creado o material adaptado. «A nosa filosofía como marca baséase nunha idea forte de traballo en equipo, onde o labor de cada un dos membros de Bandua é crucial, sexa quen crea os deseños, fabrique os produtos ou prepare os paquetes. O bo facer de todos é indispensable para o noso funcionamento e éxito», destaca o xerente. Deste xeito, pecharon o 2022 cunha facturación superior aos 600.000 euros, e o 2023 con preto de 800.000: «Considerando que comezamos con 3.000 euros, non está nada mal».

Provedores locais

Desde Bandua Wargames controlan todo o proceso de produción, sen externalizar nada a terceiros, o que os diferenza moito doutras industrias produtoras. Ademais, como filosofía de empresa, optaron por que os seus provedores e colaboradores sexan firmas locais e de proximidade.

Un negocio arredor do que naceu unha comunidade de xogadores diversa e que segue medrando

A pesar de que Lugo e mesmo Galicia son mercados pequenos para o sector dos wargames, segundo recoñece Pablo Rouco, «sempre cremos na necesidade de ter unha tenda física onde poder ensinar e compartir este hobby». Deste xeito, ao longo dos anos, crearon unha comunidade de xogadores diversa que segue medrando cada día e que atopa nesta afección non só un grande entretemento, senón tamén unha excelente ferramenta de socialización real.

Por iso, organizan actividades cada semana e torneos mensuais, onde persoas de todas as condicións e idades comparten, xogan e gozan. Para elo, na tenda contan cunha zona de xogo de cen metros cadrados. «Estamos fomentando un modelo de ocio alternativo en Lugo, cun espazo de socialización onde se relacionan persoas moi diversas. Sempre destaco que este é un xogo analóxico, necesitas estar presente e xogar con outra persoa», apunta o xerente de Bandua. O perfil do xogador, lonxe do tópico de friki, é cada vez máis heteroxéneo en xénero, idade e clase social.

Raíces históricas

En canto ao nome de Bandua, a idea xurdiu da formación de Pablo Rouco como historiador: trátase dun epígrafe atopado nunha tumba galaico romana que, segundo algunhas teorías, podería estar relacionado co deus romano da guerra, Marte.