O exótico do rural galego, nos debuxos que Vicente Blanco expón en Lugo

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Unha das obras de Vicente Blanco que estará exposta na Galería Néboa
Unha das obras de Vicente Blanco que estará exposta na Galería Néboa CEDIDA

A Galería Néboa acollerá a exposición «Os coleccionistas de formas» ata o 13 de abril

31 ene 2024 . Actualizado a las 10:01 h.

Inauguración o venres 2 de febreiro • 19.00 • Galería Néboa (Lamas de Prado, 31). Lugo • 

O artista Vicente Blanco (Cee, 1974), inaugura este venres na Galería Néboa a súa primeira exposición individual en Lugo, Os coleccionistas de formas. Nela presenta unha colección de debuxos que xorden da observación da súa contorna inmediata: as zonas rurais de Galicia, onde as tradicións, a arquitectura, a paisaxe e a lingua estanse a esvaecer absorbidas polos modelos neoliberais que priorizan o luxo e o exotismo. E é o debuxo a peneira coa que recolle as imaxes de mundos imaxinarios imbricados nesa realidade máis próxima, fragmentos de arquitecturas, elementos naturais e historias dotadas de forte carga simbólica.

Explican desde a galería que os modos de vida rurais están a desaparecer, as transformacións ultra rápidas actuais borran a diversidade de cosmovisións do mundo e crean unha especie de «non lugar». Blanco adopta así a mirada dos colectivos marxinados, colonizados ou explotados, como a natureza e os animais. Como sinala o artista, «nese mundo en ruínas, como construír a identidade dende as marxes?, como narrar dende un contexto invisibilizado, que tamén invisibiliza o desexo e a existencia».

A súa serie de debuxos, realizados con lapis de cores, acuarela e gesso pigmentado sobre lenzo e papel, constrúense en diferentes capas de información. Blanco apela á man non só como ferramenta executora, senón tamén como extremidade pensante; son mans de traballo, pero tamén de afecto.

A mostra poderase visitar ata o 13 de abril, de martes a venres de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00, e os sábados de 11.00 a 14.00 horas.