Por máis que diga o tango, para moitas cuestións vinte anos son toda unha eternidade. Imos ter ocasión de comprobalo coa estrea do novo filme de Icíar Bollaín, unha directora que xa amosou mestría e capacidade para abordar, con riqueza de matices, sutileza e aguda lucidez, o problema da violencia de xénero na sublime Te doy mis ojos.
O acontecido a comezos de século co caso Nevenka sería hoxe impensable. Ao botarnos a vista atrás e lembrar as manifestacións de apoio ao acosador, que acabaría sendo condenado, sentimos que hai algo doutra época, como se estivesen a falarnos da queima de bruxas ou dos procesos inquisitoriais. A lei de acoso na que se baseou a condena acababa de ser aprobada. Todo era aínda moi recente e había mentalidades rancias. Algunhas daquelas persoas que entón se manifestaron hoxe non o farían e outras sentirían vergonza. Eran tempos nos que se partía do principio de que, se previamente houbera unha relación consentida, xa non podía haber acoso, como se pensaba que non era posible a violación no marco dunha parella.
Nevenka venceu nos tribunais; mais perdeu no xuízo sumarísimo dunha sociedade ancorada no pensamento franquista. A proba é que tivo que exiliarse para poder fuxir do ambiente irrespirable no que vivía. Agora, logo dun cuarto de século, puidemos asistir ás ovacións. Os xeitos de pensar mudaron. A escritora Inma López Silva sinala, en Por que Asunta?, como no caso da nena compostelá non se tivo en conta a posibilidade da violencia vicaria, a do maltrato no contexto dun divorcio que hoxe sabemos tan delicado para este tipo de cuestións. Iso foi só hai 10 anos. Do caso Nevenka transcorreu máis do dobre de tempo. Seguro que na ollada de Icíar Bollaín todo se comprende. Seguro que nos sacode. Seguro que nos enfronta a nós mesmas e a nós mesmos hai un cuarto de século.