O BNG pide ao Goberno que regule os «desproporcionados» aumentos das tarifas dos taxistas
LUGO CIUDAD

O deputado Néstor Rego esixe que o Ministerio de Economía supervise estas prácticas para evitar que as compañías impoñan subas «abusivas» que comprometan a viabilidade dos profesionais do sector
24 feb 2025 . Actualizado a las 18:16 h.Membros do Bloque Nacionalista Galego (BNG) instaron este luns ao Goberno do Estado a intervir fronte ao aumento «desproporcionado e inxustificado» das primas dos seguros no sector do taxi. O deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, reuniuse en Lugo con profesionais do sector para abordar este problema e anunciou iniciativas parlamentarias para frear esta escalada de prezos.
Rego denunciou que as aseguradoras xustifican a suba en factores como «a inflación, o aumento dos custos dos sinistros e a suba dos baremos das indemnizacións». Porén, asegurou que «a inflación non pode xustificar máis que unha suba na porcentaxe correspondente ao IPC e non é certo que exista un aumento da sinistralidade». Por este motivo, esixe que o Ministerio de Economía supervise estas prácticas para evitar que as compañías impoñan subas «abusivas» que comprometan a viabilidade dos profesionais do sector.
Por outra banda, no marco deste encontro co sector do taxi en Lugo, o tenente de alcalde, Rubén Arroxo, destacou os avances conseguidos pola formación nacionalista en materia ferroviaria. En particular, puxo en valor a recente licitación do estudo para a conexión entre Santiago e Lugo, unha vella reivindicación do BNG. «Lugo segue sendo a única cidade galega sen conexión directa con Santiago nin coa rede do Eixo Atlántico, pero estamos a traballar para reverter esta situación», subliñou.