Sabes como se malla o trigo? En Meira pódese aprender

María Quelle / M. C. LUGO / LA VOZ

MEIRA

Asa máquinas traballan na Praza Maior de Meira no día da Festa da Malla.
Asa máquinas traballan na Praza Maior de Meira no día da Festa da Malla. AINHOA GARCIA

Este domingo celébrase a XXXI edición da Festa da Malla, onde se poderá desfrutar de actividades para os máis pequenos, exposicións, feiras artesanais e «haberá moita queimada»

26 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A festa da malla é unha das máis antigas da provincia lucense. O seu comezo data no ano 1992, cando os veciños de Meira quixeron rememorar o traballo dos agricultores que separaban o gran da palla, para así obter alimento como a fariña e forraxe para os animais. Este evento está declarado de Interese Turístico de Galicia dende o ano 2006 e celébrase cada ano o último domingo sen feira de agosto.

«En todo Galicia a festa da malla é moi coñecida e foi a primeira nesta zona que tivo o distintivo de interese turístico», explica o tenente de alcalde Agustín Méndez. Algunhas persoas que participaron na primeira edición ségueno facendo hoxe, aínda que «cada vez quedan menos, pero alguén sempre hai. A miña muller, Rosario Jartín, leva na festa da malla dende o 1992», conta Manuel Pardo, presidente da asociación Amigos da Malla. Esta entidade formada por veciños de Meira é a responsable da organización da festa dende o ano 2005. Ademais diso, corporacións como a Deputación, a Xunta de Galicia e o Concello de Meira colaboran no proceso. 

O programa desta XXXI edición está repleto de actividades e novas iniciativas. «Os primeiros anos da celebración o que se facía era a malla e a comida de despois, o cocido típico que aínda perdura nas festas actuais», di Pardo. Porén, co paso dos anos o número de eventos aumentou considerablemente, converténdoas en festas «moi completas». 

Arestora están preparadas exposicións, actuacións musicais, postos artesanais e xogos para nenos, ademais da gran comida e a queimada. As exposicións son para amosar o traballo da malla e comezan arredor das 10:00 horas na Praza Maior, comenta Méndez. Ao longo de toda a xornada tamén haberá numerosas actuacións musicais para animar o ambiente. Este ano os protagonistas son Nove Ferreñas, Trío Muralla, Grupo Leirabuxo e o Grupo Seimeira. As bandas como a de Música de Meira, a das Gaitas da Escola de Música Meira e a de acordeóns tamén brindarán ledicia polas rúas. «O 95% da música é galega. Esta festa busca involucrarse na nosa terra, como debe ser», conta o presidente da asociación.

Para os que decidan pasar todo o día alí contarán cunha gran comida popular, na carpa da Praza Maior onde se degustarán produtos típicos galegos como a empanada, o lacón ou o morro, entre outros. «Os postos de artesanía que se concentran nos cabanos detrás da igrexa abrirán dende a primeira hora da mañá (09:00-10:00 horas) para completar esta tradición», explica Méndez. 

Novidades para esta nova edición

Ademais de todas as actividades, este ano celébranse dúas exposicións en conmemoración dos escritores Rosalía de Castro e Avelino Díaz. «A de Rosalía de Castro chámase Cantares Galegos e consiste nunha ampla exposición dos seus libros e cartas. A Avelino Díaz elixímolo porque de neno viviu aquí e gustáballe que lle chamasen o poeta de Meira aínda que naceu na Órrea. Foi íntimo amigo de Castelao en Bos Aires, e como bos defensores da nosa lingua e cultura gústanos que estean presentes neste día tan importante», explican. 

Por outra banda, o material empregado para a malla tamén varía. Segundo o veciño de Meira e presidente da asociación, «antes mallábase centeo e unha variedade de trigo que se levaba moito, o grandal. Mais este 27 de agosto manexaremos unha variedade autóctona galega».

 Recursos

As máquinas que se empregan durante as exposicións forman parte do material da Asociación Amigos da Malla. «Non as cede ninguén, comprámolas para a asociación hai un par de anos. Todo o material que temos son máquinas antigas que fomos adquirindo co paso do tempo, incluso contamos con algunha que ten máis de 100 anos», explica Manuel Pardo.

Os propios cereais que traballan son cultivados polos veciños de Meira. «Este ano mallamos sobre 400 mollos de palla, o que vén sendo en terreo uns 3.000 metros», informa.

Oficio de mallador 

Este tipo de traballo, antano presente na agricultura galega, adoita pasarse de xeración en xeración. O feito de que cada vez menos xente traballe no campo prexudica a transmisión destes coñecementos. «Xente nova que queira aprender hai moi pouca, e que saiba facer as cousas ben, tamén», explican ambos.

No caso de Manuel, a infancia no campo influíu moito: «A min aínda me tocou mallar algo de neno. Daquela, aos rapaces gustábanos moito xogar onde estaba o gran, pero había que ter coidado, xa que naquel momento tiña moito valor». A pesar disto, os veciños do concello contan con ter moitos visitantes durante este día.