A comisión de festas de Meira organiza a primeira Festa do Cocido, para o domingo 9
MEIRA
![O cocido será o protagonista da festa do día 9 en Meira](https://img.lavdg.com/sc/4FKqs2X2JGJdqupVLXzvxKz0f9A=/480x/2025/01/28/00121738065241655564723/Foto/C_20240128_123709002.jpg)
Haberá xantar, música, bingo e actividades lúdicas para nenos
29 ene 2025 . Actualizado a las 09:09 h.Domingo 9 • A partir das 13.00 horas • Polideportivo de Meira •
Meira sumará este ano unha nova cita festiva e gastronómica ao seu calendario. Trátase da I Festa do Cocido, que terá lugar o domingo 9, baixo a organización da comisión das festas de San Roque, que mudou este ano e que está formada por Raquel, Eloy, Plenario, Xoel, Laura, Noelia e Sonia. Tamén contan coa colaboración do Concello.
Raquel Mel, da comisión, explica que a idea xurdiu no marco das iniciativas para recadar fondos para as festas de agosto: «Fixemos en novembro a primeira festa da xuventude, e foi un éxito, así que pensamos en facer unha comida popular. Pero parecíanos máis interesante se faciamos un cocido, ao coincidir antes do antroido», explica.
Deste xeito, contarán con sesión vermú (13.00) e tardeo a cargo de Verónica Cambón e DJ Casanova, inchables gratis e xogos para os máis pequenos e un bingo con premios. Tamén terán á venda suadoiros.
En canto ao cocido, servirase a partir das 15.00 horas, a cargo do Mesón Sarredo, da Pontenova. Haberá un menú infantil, para nenos de 3 a 10 anos, a base de sopa de cocido, escalopes de polo con patacas, bebida e sobremesa, por 15 euros; e outro para adultos, con sopa de cocido, morro, lacón, orella, rabo, butelo, chourizo, verdura, costela cocida, cachelos, garavanzos, sobremesa, bebida e café, por 35 euros. Os billetes pódense encargar ata o día 4 nas redes sociais (@festasdemeira2025) ou nos establecementos de Meira Peluquería Bello, Tibor, Bicos de Fío, Almacenes Méndez SL, Asesoría Mel, Neumáticos RioCabo e Distribuciones Gasolín SL.
Non será a última actividade que organicen. De feito, teñen previsto preparar outra festa para a primavera de cara a reunir o presuposto para o San Roque: «É difícil reunir o diñeiro, porque queremos ofrecer unhas festas moi boas e os prezos son moi elevados. O 15 de agosto é unha boa data para facer as festas, pero é mal tempo para pagalas», reflexiona Raquel.