
Estamos a despedir o inverno. Falta fai. Levo catro días sen internet. A ver como podo pasar hoxe o artigo. Pero estamos a despedir o inverno. «Hoxe casan os paxariños», dicían na casa. Na festa da Candeloria, no primeiro domingo de febreiro, xa se sente o rechouchío nas enramadas e no corazón dos cupresos: un balbordo de vida que chama pola luz, logo de todos estes meses atoldados. A miña avoa marchaba cedo para a igrexa a bendicir as candeas, que logo botaban unha chea de tempo na casa e seica escorrentaban o trebón, aliviaban as tormentas e amparaban os mariñeiros no mar. Xa non son aqueles tempos, certamente, mais abofé que o pasado martes botei de falta as candeas da avoa co trebón que caeu na Amaía.
Vanse as tebras e entra a luz. Tal é o fondo desta celebración, que ten raiceiras moi antigas, nas culturas indoeuropeas, nos latinos e nos celtas. A Igrexa cristianizou os vellos ritos e creou a festa da Purificación da Virxe, que celebra o 2 de febreiro. O cristianismo chantou un cruceiro en cada encrucillada, en cada ponte que pasa un río, en cada pedra senlleira, en cada antigo rito ou tradición, e temos a memoria toda mesturada de vellas e novas tradicións que aínda nos acompañan, por máis que agora están a ser substituídas por outros ritos e outras supersticións. Explicábanolo don Carlos Alonso del Real cando nos daba clases de Prehistoria na facultade. «A modo cos novos tempos que non son tan diferentes dos vellos. Os paisanos cren nos médicos coa mesma devoción cega que lle piden a santa Miña ou van librar o meigallo á virxe do Corpiño». A señora María, en Meira do Morrazo, levaba as receitas da Seguridade Social á igrexa de san Bartolomeu para bendicilas, que disque así eran máis eficaces.
Mais hoxe, na memoria dos avós, é a festa das candeas, o casamento dos paxariños, as luciñas que alumean a memoria dos defuntos. Nalgunhas casas poñíase nas mans do moribundo unha candea acesa e bendita na Candeloria para que a alma puidese facer en paz o camiño do alén, e cando aparecían estreliñas no ceo nestes primeiros días de febreiro dicían que eran as ánimas dos nenos e as nenas que morreran cedo e que se poñían a mirar para a terra e saudaban ás nais.
Manuel Murguía, Taboada Chivite, Antonio Fraguas, Xaquín Lorenzo, mais recentemente Mandianes Castro estudaron estas tradicións, que están moi vencelladas á significación do lume como elemento purificador, para dar vida aos campos, despois do letargo do inverno. Na aldea onde agora vivo (loitando para non perder a conexión a internet) aínda os vellos lembran cando saían a alumear o pan polos campos, o primeiro de maio, chamando pola luz e as boas colleitas. Aplicando o refraneiro á situación política no mundo di a tradición que pola Candeloria medio inverno vai fóra. Alguén dirá que é moito optimismo. Mais repito: falta fai.