Gato recupera, catro anos despois, a alcaldía de Monterroso

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo MONTERROSO / LA VOZ

MONTERROSO

Cedida

O socialista Rafael García non asumiu a acta por incompatibilidade

06 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Antonio Gato volve ser alcalde de Monterroso, catro anos despois. Desta volta faino liderando unha candidatura independente, en vez da lista socialista, que representou durante 16 anos. Onte, no pleno de constitución da corporación, o xa rexedor obtivo o respaldo dos catro concelleiros do seu grupo, mentres que o líder do PP, Eloy Pérez, recibía tres votos e Xabier Vázquez, de Compromiso por Galicia, contaba só co seu.

O PSOE, cuxo recurso sobre os resultados das municipais foi desestimado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e que conta con tres edís na corporación, non chegou a presentar candidato á alcaldía, posto que Rafael García Figueroa, número un da lista, non puido tomar posesión da súa acta como concelleiro por unha incompatibilidade. «Non puiden asumir a acta por unha incompatibilidade, pero fareino tan pronto me sexa posible. Se pode ser no vindeiro pleno, mellor», aclarou o socialista, que amosou a súa disposición a liderar ao seu grupo no concello de Monterroso.

Trala súa elección como alcalde, Gato, visiblemente emocionado, comprometeuse a gobernar con diálogo. Falou de tempos novos nunha corporación moi fragmentada e referiuse a que por diante veñen catro anos nos que priorizará o consenso. Ante un salón de plenos ateigado de veciños, sostivo que non se actuará sen previamente valorar as opcións cos demais partidos da corporación. O novo rexedor, que xa gobernara entre 1999 e 2015, debullou os eixos sobre os que xirará o seu mandato: disciplina no gasto, disciplina no traballo e compromiso de que todo se traslade á cidadanía.