Un inventario da biodiversidade en Navia para a próxima fin de semana

La Voz

26 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A próxima fin de semana, as asociación que organizaron a excursión de Monforte levarán a cabo en Navia de Suarna unha actividade que se realiza por primeira vez en Galicia. Trátase se elaborar o que se chama un inventario da biodiversidade, é dicir, unha relación o máis completa posible das diferentes especies animais e vexetais que viven nos espazos naturais desta zona. Aínda que a convocatoria se dirixe principalmente a especialistas en bioloxía e ecoloxía, está aberto a calquera persoa interesada no patrimonio natural e na conservación do medio ambiente.

A actividade desenvolverase durante todo o sábado e o domingo e comprenderá observacións de réptiles, anfibios, aves, insectos e outros animais propios destes ecosistemas, así como unha captura de morcegos que será realizada á noite por especialistas da asociación Drosera.

Segundo explica Martiño Cabana, o obxectivo deste inventario consiste en axudar trazar un panorama actualizado do patrimonio natural do val do río Navia e do seu entorno para favorecer a súa conservación. «Hoxe en día seguen aparecendo proxectos de construcción de centrais hidroeléctricas nesa zona -comenta- e convén saber con certeza en que estado se encontran actualmente as comunidades animais e vexetais do territorio para ter unha idea máis clara do que se podería perder se algún deses proxectos chegase saír adiante». De acordo con esta intención, no inventario prestaraselle especial atención á presenza de especies raras e ameazadas.

En calquera momento

Nos próximos días, os organizadores destas xornadas darán a coñecer os horarios e os lugares precisos onde se desenvolverán estas actividades, a fin de que as persoas interesadas en participar saiban onde reunirse a cos investigadores que levarán a cabo as observacións. «A xente pode chegar en calquera momento ao longo da fin de semana, estar connocos o o tempo que queira e marchar cando lle pareza», sinala Martiño Cabana.