Imagen de archivo de Muros.
Imagen de archivo de Muros. CARMELA QUEIJEIRO

05 ago 2025 . Actualizado a las 10:30 h.

A localidade de Navia de Suarna é unha desas poucas vilas galegas que conservan a súa identidade e o encanto de permanecer case como hai cincuenta anos. Tamén ocorre con Muros ou Corcubión. A razón, neste caso, foi o proxecto —xa prescrito— de construír o encoro Gran Suarna, que asolagaría todo o territorio, incluída a localidade. Aquela ameaza fixo que os investimentos dos naviegos se desviasen a outras vilas, como Becerreá, que hoxe está estragada polo cemento e o feísmo urbanístico.

No caso de Muros, a súa distancia do eixo Atlántico, a falta de investimentos e a mala estrada que a unía con Compostela contribuíron á perda de poboación —como Navia—, pero tamén evitaron a súa destrución con moles de formigón. En Corcubión, os cartos foron para Cee, dotada de máis servizos, pero tamén desfigurada: bloques vulgares, moitos deles sen rematar, e unha paisaxe ferida. Corcubión, pola contra, preservou a alma e a identidade.

Reitero así unha triste reflexión: a combinación de diñeiro con falta de planificación, mal gusto e unha relación daniña coa propiedade —herdanzas caóticas, desleixo ou sobreprotección polo legado— fixeron da paisaxe galega un patchwork construtivo irrecoñecible. O feísmo non é casualidade, senón síntoma dunha ferida fonda: a perda de identidade e amor polo territorio e pola tradición.

Cruzamos o Eo e vemos unha Asturias máis coidada. Tamén pasa co Miño, que en Portugal respéctase a memoria. Aquí odiamos a madeira, a pedra, o cal e as casas antigas. Xa é tarde para corrixir, pero non para parar, reflexionar e conservar o que queda, con sentidiño.