Se hai días despediamos a Luis Sepúlveda, toca agora dicir adeus a Luz Pozo Garza. Case un século de vida dunha voz poética que non quedará muda grazas aos versos que nos deixou. A perda dos escritores provoca unha estraña sensación de orfandade. Eu vin a Luz e oína recitar. Nunca estiven en persoa con Sepúlveda; mais ambas mortes fixéronme sentir que se ía algo meu.
De Luz lembro o tempo que dediquei a ler a súa poesía. Foron días luminosos de descuberta poética. Pasaron anos e sinto os seus versos habitando ese espazo, gardados para sempre na miña memoria.
De Sepúlveda, entre as súas obras, a súa morte tróuxome á mente a vibración das horas que dediquei a analizar, cos meus alumnos, a Historia de una gaviota y del gato que le enseñó a volar. Ese libro para nenos de 8 a 88 anos.
O propio nome de Luz é poético. Luz Pozo é un oxímoro, un auténtico claroscuro. E a garza ten unha especial elegancia esguía que evoca a proximidade das augas e a elevación do voo. Dificilmente podía o destino ter deseñado un nome máis premonitorio, porque ela mesma era elegante e luminosa máis aló dos seus versos. A misión da poesía é chorar co mundo cando é necesario e rir coa alegría de todos. Díxoo Luz, nunha entrevista concedida a este xornal no ano 2016. Cando lle preguntaron sobre a presenza das flores na súa poesía, coa que despediu a Eduardo Moreiras, dixo que estaban aí porque son a representación da beleza e que, se tiña que escoller, ficaba con todas, mesmo coas máis humildes violetas.
A primavera florece agora para despedir a Luz.