Falece aos 90 anos Saleta Goi, viúva do escritor Manuel María

LA VOZ LUGO

OUTEIRO DE REI

Saleta Goi en el Teatro Rosalía en el 2016
Saleta Goi en el Teatro Rosalía en el 2016 PACO RODRÍGUEZ

O acto civil de despedida celebrarase o luns na Casa-Museo Manuel María en Outeiro de Rei 

10 sep 2022 . Actualizado a las 23:34 h.

Este sábado faleceu aos 90 anos na cidade da Coruña, Saleta Goi, a viúva do escritor Manuel María e Presidenta da Fundación que acolle o legado do poeta na Casa-Museo Manuel María en Outeiro de Rei. Os seus restos serán velados no tanatorio de Servisa da Coruña este domingo, e o luns realizarase na Casa-Museo, en Outeiro de Rei, unha despedida civil, ás 17.00 horas, previo a recibir sepultura no cemiterio de San Xoán de Outeiro de Rei, tal e como informou a última hora desde sábado o secretario da fundación.Os seus restos repousarán xunto aos do escritor Manuel María falecido no ano 2004, con quen compartiu 45 anos de vida e de intensa actividade cultural.

Saleta Goi García cumpriu 90 anos o 6 de xuño e vivía na cidade da Coruña desde que en 1998 se trasladou alí, xunto a Manuel María, cando chegou á idade de xubilación.Saleta e Manuel María coñecéronse no ano 1957 e casaron dous anos máis tarde pasando a residir en Monforte de Lemos onde o escritor exercía como procurador dos tribunais. Foron eses momentos primeiros de dificultades económicas que obrigaron ao escritor a compatibilizar o seu traballo de procurador coas clases nunha academia de ensino e as colaboracións xornalísticas. A pesar diso, Manuel María vai renunciar ao traballo de director de La Voz de Vigo por esixírselle a afiliación á Falanxe.

Saleta Goi con Manuel María
Saleta Goi con Manuel María

Desde o ano 1970 Saleta rexentou en Monforte a libraría Xistral que o matrimonio decidira abrir como un xeito de dinamización cultural e de obter os medios económicos imprescindibles para que o escritor conservase a súa plena independencia creativa. Foi aquel un lugar habitual de encontro de escritores e intelectuais, tanto galegos como de fóra, e un importante foco de difusión da literatura galega. A esa altura Saleta e Manuel xa tiñan un claro compromiso nacionalista o que acentuou máis a represión exercida sobre eles polo réxime franquista. Non só se viu censurada a obra literaria do escritor e prohibidos os seus recitais e conferencias, senón que a represión cebouse sobre as súas propias persoas con multas, vixilancia domiciliaria permanente e detencións arbitrarias. A represión non logrou que Saleta e Manuel María renunciasen ás súas conviccións nin cesasen en ningún momento na súa loita pola recuperación de usos para a lingua galega.

Despois do falecemento de Manuel María no ano 2004, Saleta Goi, acompañada dun grupo de amizades e de persoas que compartían o proxecto, creou a Fundación Manuel María de Estudos Galegos co fin de adquirir a casa natal do escritor, coñecida como Casa de Hortas, e convertela en Casa-Museo para dar así acollida ao conxunto do legado do poeta chairego. A Fundación presidida pola propia Saleta, creouse no ano 2007 e a Casa-Museo inaugurouse no ano 2013 despois de ser remodelada convenientemente para a nova función. Alí deposítase e móstrase ao público en xeral e a escolares todo o legado do escritor e promóvese a difusión da súa obra literaria mediante publicacións, certames de teatro para compañías profesionais, certames de composicións musicais arredor da obra do escritor, concursos de recitado poético e de videopoemas, ademais da actividade semanal que vai máis aló da figura do escritor. A Fundación, con Saleta ao fronte, non só concibiu a Casa-Museo Manuel María como unha homenaxe permanente ao escritor senón que a converteu nunha casa da memoria, dentro da batalla contra o esquecemento ou da loita por rescatar aquilo que lle sigue sendo útil e funcional á sociedade galega. O Padroado da Fundación acordou realizar na súa sede -a Casa-Museo Manuel María- un acto civil de homenaxe de despedida.