Concellos de Lugo poñen en marcha unha iniciativa para fomentar a formación de desempregados de colectivos vulnerables

La Voz LUGO

OUTEIRO DE REI

Imagen de archivo de personas haciendo cola en una oficina de empleo gallega
Imagen de archivo de personas haciendo cola en una oficina de empleo gallega PACO RODRÍGUEZ

Este programa conta cun financiamento de 220.000 euros procedentes dos fondos públicos do Servizo Público de Emprego Estatal

24 nov 2024 . Actualizado a las 12:58 h.

O Concello de Outeiro de Rei, en colaboración cos Concellos de Friol, Rábade, Begonte, Cospeito, Castro de Rei, Abadín e Mondoñedo, vén de anunciar o inicio do Programa Integrado de Emprego 2024/25, unha iniciativa destinada a «fomentar a inserción laboral de persoas desempregadas pertencentes a colectivos vulnerables». O programa contará cun financiamento de 220.000 euros procedentes dos fondos públicos do Servizo Público de Emprego Estatal.

O proxecto diríxese a colectivos como persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, vítimas de violencia de xénero, menores de 30 anos con baixa cualificación, persoas migrantes e mozas e mozos cualificados menores de 30 anos. Segundo informaron os responsables municipais, as accións previstas inclúen actividades como información, orientación e asesoramento, formación en habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista, prospección empresarial, prácticas profesionais non laborais e cursos específicos de formación. Entre estes últimos destacan áreas como competencias dixitais, condución de carretilla elevadora, manipulación de alimentos, xestión de residuos e acompañamento no transporte escolar.

Unha das principais novidades do programa será a introdución de medidas de conciliación para facilitar a asistencia ás actividades, así como o pagamento dunha bolsa económica de 10 euros por cada día de participación. «Queremos eliminar todas as barreiras posibles para que as persoas desempregadas poidan beneficiarse deste programa e acceder a novas oportunidades no mercado laboral», sinalaron desde o Concello de Outeiro de Rei.

As persoas interesadas en participar deberán estar desempregadas e inscritas no Servizo Público de Emprego Estatal. Para inscribirse, poden contactar co Concello de Outeiro de Rei no teléfono 663 915 957, preferentemente en horario de 9.00 a 15.00 horas.