Cé Orquestra Pantasma: «O concepto de 'espectáculo infantil' non o comparto. Á festa imos todos, non van os adultos de taxistas»
OUTEIRO DE REI
![César Freiria dálle vida á Ce Orquestra Pantasma.](https://img.lavdg.com/sc/lLmdwULdQVhAM86W6VIPTmIMrSk=/480x/2025/02/05/00121738747801682131302/Foto/LF6C6F1_102830.jpg)
O artista César Freiria actúa este sábado, día 8, en Outeiro de Rei, onde proporá un «show» dinámico e participativo para todo tipo de público sobre historias de animais
05 feb 2025 . Actualizado a las 10:43 h.Bailes, xogos, cantos, bo humor e moita enerxía positiva chegarán este sábado a Outeiro de Rei da man do espectáculo Animalada, de Cé Orquestra Pantasma. Ao son de historias de animais que aconteceron hai tempo, o público poderá gozar dun espectáculo dinámico e participativo, pensado para todo tipo de público, con especial atención á infancia. Terá lugar este sábado, día 8, ás 17.00 horas na Casa-Museo Manuel María. O prezo do billete é de 2 euros, e a reserva debe facerse no correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no WhatsApp do teléfono 698 177 621.
Detrás da Cé Orquestra Pantasma está César Freiria, un músico vigués autodidacta e apaixonado polos instrumentos musicais, que comezou ben novo na música tradicional, pasando tamén por outros xéneros, coma o punk, e que leva desde o 2008 con este proxecto unipersoal e versátil, grazas ao seu amplo e variado repertorio.
—Como será o espectáculo deste sábado en Outeiro?
—Será moi dinámico e con moitos bailes, buscando sempre a participación do público, pequeno e grande. De feito o concepto de «espectáculo infantil» non o comparto, gústame falar de espectáculo familiar ou mesmo veciñal. Porque á festa imos todos, non van os adultos de taxistas a deixar alí aos nenos solos.
—Os animais son os protagonistas do espectáculo, un clásico do imaxinario infantil.
—Si. Titúlase Animalada, e son historias de animais entrelazadas: cans, galiñas, piollos, pulgas, serpes, corvos, cabuxas, lobos... Hai cancións miñas, outras adaptacións de cantigas tradicionais, como Xan de Outeiro, outras inspiradas en contos... Os animais dan moito xogo porque ao final son as historias das persoas levadas ao universo animal, con humor, a modo de fábulas.
«Hoxe en día hai unha manchea de adultos dicíndolles aos nenos como se teñen que divertir»
—É difícil chegar ao público infantil no contexto actual de inmediatez e pantallas?
—A inocencia infantil é complicada de manter, pero os nenos son vítimas do que nós, os adultos, lles damos. Eu preferiría non ter que facer este tipo de espectáculos familiares, porque penso que estes espectáculos son para nenos que non saben que poden ser libres. Ao final, somos unha manchea de adultos dicíndolles aos nenos como se teñen que divertir. De feito, vese a veces que, se actúo nun lugar con campo ou árbores, os nenos danse conta de que o que eu lles ofrezo non é tan interesante coma o seu contexto, onde poden xogar libremente, brincando e deixando voar a imaxinación. Por iso nos meus espectáculos sempre propoño brincar, bailar...
—En que outros proxectos está traballando actualmente?
—Este mes é bonito, teño bastantes proxectos. Teño varias actuacións polas escolas, dentro do proxecto da Xunta «21 días co galego e +»; despois vén o Entroido, tamén con varias actuacións... Ademais, estou co obradoiro itinerante Crea Sons, de creación libre de artefactos sonoros, que é unha evolución do obradoiro Argallando, da Cooperativa Miudiño, na que sigo traballando. Tamén estou co proxecto O xogueteiro e estou intentando poñer en marcha un proxecto de espazo de xogo, o Brinca Sons, ademais doutro de creación e venda de instrumentos insólitos, tanto da música tradicional coma doutro tipo. A maiores, estou renovando a páxina web. Ademais, con Judit Santos, a partir do proxecto Mitolóxicas, sobre a mitoloxía galega, editamos un libro, O desencantamento, e facemos contacontos.
—Como empezou no mundo musical?
—Eu xa veño dunha familia de músicos tradicionais, e lembro que tiña un mestre de música que sempre traía instrumentos que fabricaba el mesmo, e iso espertou moito a miña curiosidade. Ao final, o que fago hoxe en día é unha mestura do que fun aprendendo e facendo, condensado.