A Feira do Queixo do Cebreiro porá á venta unhas 3.000 pezas

PEDRAFITA DO CEBREIRO

A cita será o venres 30 e terá como pregoeiro ao profesor Francisco Sineiro

19 mar 2018 . Actualizado a las 19:34 h.

O deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, e o alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo, presentaron a edición 31 da Feira do Queixo do Cebreiro, declarada Feira de Interese Turístico Galego, e que terá lugar o vindeiro venres, 30 de marzo. No acto tamén participou o presidente do Consello Regulador Denominación de Orixe, Enrique Fernández Paradela. «Co impulso a esta feira queremos contribuír á súa comercialización e, ao mesmo tempo, dinamizar a economía da montaña lucense, pois o evento xera un volume de negocio próximo aos 15.000 euros, poñéndose á venda uns 3.000 queixos a un prezo de entre 5 e 6 euros», explicou Santos.

Esta festa celébrase desde 1987 e cada ano asisten miles de persoas atraídas pola súa fama, incluídos veciños e comerciantes do Bierzo. Participarán as queixerías acollidas ao Consello Regulador, estas son: Castelo de Brañas, Queixo Santo André, Marqués de Cernadas e Gran Despensa Abadía de Samos, poñendo á venda uns 3.000 queixos a un prezo de entre 5 e 6 euros. O prezo destes varía en función do peso, dende os 300 gramos ata o quilogramo. Haberá uns 160 postos, nos que tamén se poderán adquirir outros produtos tradicionais e elaborados de maneira artesanal. Como novidade, tamén se poñerá á venda queixo curado e haberá un posto de produtos de porco celta.

O queixo do Cebreiro, conta con Denominación de Orixe Protexida dende o ano 2008, e esta elaborado con leite de vacún, sen conservantes nin produtos engadidos. A súa de zona de produción comprende os concellos de Pedrafita, O Courel, Cervantes, Triacastela, As Nogais, Navia de Suarna, Becerreá, Baralla, Baleira, Castroverde, A Fonsagrada, Láncara e Samos.

A feira comezará ás 9.30 horas. As 11.00 horas haberá pasarrúas coa Charanga DGT e ás 12.00 horas actuará o grupo Xistra de Pedrafita. O pregón será a unha do mediodía, a cargo do profesor de Economía Agraria na Politécnica, Francisco Sineiro.