José Luis Raposo, alcalde de Pedrafita: «Temos un bo recinto cos postos a cuberto»

Laura López LUGO / LA VOZ

PEDRAFITA DO CEBREIRO

O alcalde de Pedrafita, José Luis Raposo, agarda unha grande afluencia de xente.
O alcalde de Pedrafita, José Luis Raposo, agarda unha grande afluencia de xente. OSCAR CELA

Máis de cen expositores con produtos de calidade participan o venres 29 na Feira do Queixo do Cebreiro

27 mar 2024 . Actualizado a las 21:06 h.

Non hai Semana Santa sen queixo do Cebreiro. A XXXVI Feira do Queixo do Cebreiro celébrase este venres, día 29, con máis de cen expositores de todo tipo de produtos gastronómicos, música e animación. A pesar da predición meteorolóxica, agárdase cheo nesta cita, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. O alcalde de Pedrafita, José Luis Raposo, confía no tirón deste clásico das festas gastronómicas galegas.

—Como van os preparativos?

—Os nosos esforzos céntranse en que a feira estea protexida da chuvia. Temos un bo recinto cos postos a cuberto, así que non hai problema. Levamos moitos anos de feira, temos moita experiencia e a cita está consolidada. En total, contamos con máis de cen postos no recinto cuberto, pero sempre hai algúns expositores a maiores que se sitúan nos arredores.

—Que tipo de produtos haberá nos postos?

—Participan as catro queixerías da comarca con selo do Consello Regulador, pero tamén haberá moitos outros produtos con indicativo de calidade, de Galicia, pero tamén doutros lugares, como León, anchoas de Cantabria, queixo dos Alpes...

—Canta xente agardan na feira?

—Esta feira ten moita tradición e agardamos unha grande afluencia, a pesar do temporal que dá, que pode asustar. Pero hai que recordar que case toda a feira está cuberta e que contamos con moi boas instalacións. A ocupación hostaleira, ao coincidir Camiño de Santiago, Semana Santa e feira, está case completa. Ademais, a neve tamén ten o seu encanto e é un reclamo máis. Agora [o martes] está nevando un pouco e temos un manto branco, curioso, que deixa moi boas vistas, pero non xera problemas de circulación.

—Que supón para Pedrafita esta cita?

—Para o queixo é un bo escaparate, posto que a feira converteuse nun referente. Hai moitos anos que se empezou e esmerámonos o máximo posible. Ademais, celébrase nunha época moi boa, e todo isto permite dar a coñecer Pedrafita. A Feira do Queixo e a Feira de Ano son as dúas grandes citas anuais do Concello.

O programa

A XXXVI Feira do Queixo do Cebreiro, organizada polo Consello Regulador Denominación de Orixe Protexida do Cebreiro e polo Concello de Pedrafita do Cebreiro, celébrase o venres 29, co seguinte programa:

9.30h • Apertura da feira.

11.00h • Pasarrúas a cargo da Charanga Louband

12.00h • Baile rexional a cargo da Asociación Cultural Abrente, de As Nogais

13.00h • Pregón a cargo do CPI Uxío Novoneira