Malos tempos para a política

Blas García ALCALDE DE AMES

POL

mariscal | EFE

10 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Polos anos 90, os vigueses Golpes Bajos cantaban a canción Malos tiempos para la lírica, un tema que se fixo moi popular e cuxa expresión sinalaba unha crise da arte e da creatividade. Se hoxe escribiran o seu gran tema, seguramente cambiarían a lírica pola política.

 Dende hai anos, debido á polarización que vivimos, a política está a perder a súa función pública como instrumento para organizar a sociedade: o consenso. Primeiro cos movementos populistas de esquerda, que tiñan a solución a todo; e despois, coa ideoloxía ultrafacha que ataca todo aquilo que ule a democracia, liberdade e progresismo.

Nestes meses vemos como a política está invadida de bulos e barro, de interferencias xudiciais, de slogans de informativo. Todo é espectacular ou especulativo. Lexislamos a golpe de tuit, debatemos por Facebook e os debates duran menos que un capítulo de Netflix. Esta deriva comezou hai xa anos e derivou nun estado de enfrontamento político que, por momentos, chega a límites vergoñentos.

Os representantes políticos nas Cortes Xerais deberían ser exemplo de respecto, moderación, diálogo... ou, dito doutro xeito: deberían facer política. Porque a política é a ferramenta que permite ás sociedades avanzar aplicando o diálogo e a negociación para chegar ao consenso.

Pero isto, desgraciadamente, é o que falla na política española. A confrontación e a hostilidade entre PSOE e PP chegaron a tal punto que os debates só se entenden a base de faltas de respecto e ataques persoais. Esta forma de actuar non é política, é hooliganismo. Hai que entender que fidelidade non é o mesmo que lealdade e que na vida pública ninguén é imprescindible.

Esa forma de entender a política non beneficia a ninguén e provoca desafección cidadá. É hora de sentarse, falar, acordar e poñer en valor a política. Por iso, reclámolle ao meu partido que tome a iniciativa e se sente a falar. Que dea exemplo.

Zapatero, ao chegar á secretaría xeral do PSOE, propuxo ao Goberno de Aznar un pacto contra o terrorismo, que acabou co fin de ETA. Ese é o exemplo: facer política dende o campo e dende a bancada.

A sociedade necesita acordos de Estado para os grandes problemas. A outra escala, facémolo dende Ames, con acordos puntuais co principal partido da oposición ou co Goberno autonómico, sen esquecer ao resto dos grupos municipais. Sen complexos, porque a verdadeira vergonza sería non actuar.

Despois da comparecencia de Pedro Sánchez no Congreso, o distanciamento entre PSOE e PP parece maior. Os ataques e o ton belicista de Feijoo só xeran máis odio. Non é tempo de radicalidade. Cómpre un gran acordo contra a corrupción e abrir camiño á necesaria reforma constitucional.

Reclamo unha política con maiúsculas. Os políticos estamos de paso, pero os feitos quedan. Oxalá o próximo artigo poida titulalo «Cómo hemos cambiado», como canta Sole Giménez.