Mosteiros, poemas e a voz do silencio

SAMOS

marcos creo

Eva Veiga e Baldo Ramos tiveron que facer un exercicio mutuo de confianza, saltando ao baleiro, para asumir os versos de «Quérote canto»

11 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Algúns dos mosteiros galegos reconvertéronse en paradores ou pousadas onde pasar uns días de desconexión e de contacto coa natureza e cun mesmo. O silencio búscase entre as paredes de pedra onde se afoga o ruído e tropezan as présas da vida cotiá. Quizais por iso tamén poden ser un bo lugar para que xermole a escrita e as musas visiten ás escritoras e ós escritores que se pechan uns días na procura de inspiración. Antes da reconversión das celas en habitacións para hóspedes xa había quen se retiraba uns días buscando repouso. Bécquer comezou a escribir as Cartas desde mi celda durante o tempo que pasou no mosteiro de Veruela, onde se refuxiara para reporse dun ataque de tuberculose. Na literatura galega debemos ás estadías de Ramón Cabanillas na comunidade bieita de Samos, a finais dos anos corenta, versos que están considerados o testamento literario do poeta, segundo o propio Méndez Ferrín. Así, nacía a que se considerou no momento a obra cumio da nosa lingua, como afirmou parte da crítica apuntando que se desaparecese o galego as futuras xeracións estudarían Samos (Galaxia, 1958) como hoxe se aprende o latín de Ovidio e Virxilio.

 No mosteiro de Oseira

Hai unhas semanas chegaba ás librerías unha proposta literaria que naceu tamén da estadía de dous poetas nun mosteiro, desta volta o de Oseira. Eva Veiga e Baldo Ramos pasaron tres días do mes de agosto do 2018 convivindo cos monxes, erguéndose ás cinco da mañá, asistindo ás misas e gozando de vivir envoltos en silencio, sen perturbacións do exterior. A orixinalidade de Quérote canto está en que se presenta como unha única voz poética, dunha homoxeneidade sorprendente cando sabemos que non houbo un proceso de escrita conxunta, senón en paralelo, sen compartir o que estaban a crear. Eva Veiga e Baldo Ramos tiveron que facer un exercicio mutuo de confianza, saltando ao baleiro para asumir versos que non eran seus. O resultado non deixa indiferente. Aqueles días pecháronse para vivir o silencio, un tema recorrente nas súas propostas literarias anteriores, tamén nesta. O silencio que axuda ao recollemento, que dá sosego e acubillo, pero que tamén pode significar o baleiro ou a ausencia. Eva Veiga pasou máis tempo na cela, mentres que Baldo Ramos buscou máis o contacto coa natureza, esa que aparece a través das aves, das árbores, das nubes... Presente tamén o mosteiro: as pedras, o claustro, mais tamén os monxes, os seus rezos, xestos, transos, actividades. E se os abades cantan ao unísono tamén o fan os poetas nestes versos que abondan no autocoñecemento e que destacan polo seu ritmo, unha das claves da lírica. As palabras, as feridas, a memoria, a perda ou a cegueira son territorios constantes polos que transitar para coñecerse, para buscar a luz que nos permita seguir. Só pode haber algo mellor que a lectura de Quérote canto, escoitar os poemas na voz de Eva Veiga, unha das persoas con máis sensibilidade para recitar e facer sentir a poesía ao vivo. Unha voz feita de paz e silencio.