Este venres presentouse en Samos a primeira tradución deste documento, un dos máis relevantes da historia medieval de Galicia. O autor do libro é Xaime Félix López Arias, «Arlindo»
15 nov 2025 . Actualizado a las 17:34 h.O Tombo de Samos é un códice de pergameo que consta de 250 documentos. Pero non de calquera documentos, senón dos máis antigos do século IX. Pergameos reais, nobiliarios, permutas, doazóns —moita xente deixaba terras e propiedades aos monxes para evitar o inferno— ou inventarios das posesións monacais, que reflicten a historia política, económica e social de Galicia, dado que as posesións desta localidade superaban os límites da comarca de Sarria e chegaban ata outras áreas xeográficas galegas, e mesmo ata o Bierzo. De aí que o Tombo de Samos —cuxo mosteiro é un dos máis antigos de toda a Cristiandade— sexa un dos manuscritos máis relevantes da historia medieval galega. Ademais, o documento releva moita da toponimia típica da zona.
Remontándonos á actualidade, o feito relevante é que sae á luz a primeira tradución ao galego do Tombo de Samos. E sae por obra do avogado sarriao Xaime Félix López Arias, coñecido como «Arlindo», editor do boletín Seminario de Estudos Sarriaos e que ten un gran percorrido de investigación na comarca. Arlindo traduciu con moito esforzo, e moita paciencia, durante uns 30 anos, os máis de 250 documentos que compoñen o volume orixinal, que se garda coma ouro en pano no arquivo da Universidade de Santiago de Compostela. Cómpre engadir que a propia institución facilitou a toma de imaxes.
Unha edición de luxo
O libro presentouse este venres na Antiga Biblioteca de Samos e integra, ademais dos textos e das traducións ao galego de Arlindo, debuxos e gráficos de Ricardo Segundo López Méndez e fotografías de José M. Salgado. En canto á edición, correu a cargo da Editorial Canela —que conta cun recoñecido prestixio na difusión da cultura galega e asturiana— baixo a supervisión e o coidado de Pablo Quintana.
Pablo explica que quixeron respectar a esencia dun documento tan antigo coma este, apostando por un deseño e unhas cores propias da época medieval. «É unha publicación que parte dun formato clásico, pero actual ao mesmo tempo», explica Quintana. «Ademais de toda unha serie de documentos —continúa— integramos fotografías e material gráfico acordes ao tempo para tratar de chegar a un público máis xeral». En definitiva, dende Canela o que fixeron foi «unha edición de luxo».
O editor plasmou con extrema rigorosidade os textos traducidos ao galego e interpretados por Arlindo, e acompañalos de diferentes recursos e elementos visuais, coma os círculos, que fan máis dinámica a lectura, sen perder a verdadeira esencia dun documento do século IX feito sobre pel de cabra e de ovella. «As cores vermellas e amarelas reproducen a aparencia dese material», engade Quintana. Comenta tamén que o libro inclúe un mapa, cunha función especialmente complementaria e clarificadora, que mostra como se distribuían as propiedades e axuda ao lector a situarse no espazo que abarcan os documentos.
Son moitos os factores que contribuíron a publicación deste libro. Entre eles está a vontade da alcaldesa de Samos, a nacionalista Chus López, que dende o intre no que se decatou de que Arlindo estaba facendo ese traballo tivo claro que a tradución tiña que ter a difusión que realmente merece, e moveu os fíos necesarios para plasmala nun libro e poñela ao alcance da cidadanía. A obra, explica, concibiuse como un proxecto editorial sólido que ten como obxectivo que a publicación chegue o máis lonxe posible. Ademais, contou co apoio da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación, especialmente no que se refire ao aspecto económico.
A rexedora agradece —e así o mostrou este venres— o traballo levado a cabo por Arlindo para traducir as máis de 200 páxinas da publicación orixinal, e recorda que se produciron dúas versións do mesmo libro. Unha encargada polo Concello e a Deputación para gardar a nivel institucional e poñer ao alcance da cidadanía, que pode consultala cando considere necesario, e outra para poñer á venda de xeito particular. Este venres, na presentación, xa se podían adquirir os primeiros exemplares.
Estivo 150 anos desaparecido
O Tombo protagonizou un episodio misterioso: a súa desaparición ao longo de case dous séculos. Ao códice perdéuselle a pista durante a desamortización, cara o 1835, e 150 anos despois, alguén se achegou á Universidade de Santiago para mostrar un vello manuscrito de aparencia moi antiga que traía baixo do brazo.
Ante os ollos asombrados dos responsables, reaparecía naquel intre o documento de O Tombo, redescuberto segundo a lenda popular ao levantar o furacán Hortensia o tellado dunha casa en Samos naquel outono de 1984.