Dous terzos das cigoñas están en Lugo
16 feb 2017 . Actualizado a las 16:19 h.Óscar Rivas, presidente da Sociedade Galega de Ornitoloxía, destaca que aumentou a presenza de cegoñas en Galicia.
-¿Como cambiou a presenza da cegoña en Galicia nos últimos cincuenta anos?
-As cegoñas hai trinta anos estaban dentro da lista de aves ameazadas, e realmente en Galicia a súa presenza era testemuñal, quedando solo reducida a certas zonas da provincia de Ourense, sobre todo da comarca da Limia. Pero, por distintos cambios ocorridos na paisaxe e, sobre todo, na xestión de residuos, a poboación de cegoñas foise incrementando. Digamos que a proliferación dos vertedoiros de residuos sólidos urbanos supuxeron un novo recurso que as cegoñas puideron aproveitar. Ao mesmo tempo, tamén as políticas de conservación e de recuperación de certas zonas húmidas favoreceron a esta especie. Agora mesmo, a cegoña en Galicia encóntrase bastante repartida por comarcas do interior de Lugo e por algunhas comarcas do interior de Ourense, chegando tamén a zonas do norte de Pontevedra e ao centro e norte da Coruña.
-Pasou de estar case desaparecida a colonizar novas zonas.
-Realmente, agora distribúese por unha boa parte de zonas agrarias de Galicia. Sen estar presente en toda a comunidade, hai grandes áreas onde xa está presente.
-¿Cales son as zonas de Galicia onde encontramos máis niños?
-Hoxe en día, a poboación alberga toda a conca do Miño na zona de Lugo; as zonas máis poboadas ou con máis presenza de cegoña branca hoxe en día serían as áreas de chaira vinculadas ao río Miño, como a comarca de Terra Chá e a meseta de Lugo (a zona entre Lugo e Sarria). Sabemos que na Terra Chá hai máis de douscentos niños, porque aí si que temos un seguimento máis intensivo da poboación. Pero na comarca de Lugo-Sarria pode albergar incluso máis niños; estimamos que en Lugo ao mellor haxa arredor seiscentas parellas ou niños.
-¿Cantas hai en toda Galicia?
-Estimamos que unhas novecentas parellas ou niños.
-¿Cambiaron os hábitos migratorios as cegoñas?
-Non é que cambiaran os hábitos, pero partimos dun escenario onde a cegoña en Galicia hai trinta anos era unha especie cunha presenza moi reducida e agora ten máis. Por iso tamén empezan a coñecerse máis os seus patróns migratorios. O que si se sabe é que agora mesmo a maior parte dos adultos non cruzan cara a África todos os anos, senón que quedan en moitas zonas do sur da Península, e os polos si que cruzan na súa maioría. Parece ser que moitos deles, o primeiro ano que voan a África non volven ao lugar no que nacen e si o farían a partir do segundo ano. En Galicia hai unha percepción de que as cegoñas xa non se van, que quedan todo o ano... o certo é que moi poucas cegoñas quedan todo o ano en Galicia. O que pasa é que marchan a finais de agosto ou principios de setembro e volven xa a metade de novembro, e algunha vez mesmo en outubro, por iso moitas veces a xente percibe que non se van.
-¿Por que os polos si que cruzan a África e os adultos non?
-A teoría é que os adultos quedan máis cerca das zonas de cría porque así teñen vantaxe á hora de regresar, para volver antes e atopar o niño baleiro, sen competencia por el.
-¿Convertéronse as cegoñas nas novas gaivotas, adaptándose ao hábitat urbano e os vertedoiros?
-Non é a nova gaivota, pero como elas, as cegoñas foron capaces de adaptarse a un novo escenario creado polo home.
-¿En que época empezan a criar en Galicia?
-As primeiras chegadas de cegoñas xa se rexistran a partir de mediados de novembro. Aí empezan a ocupar os niños e xa en febreiro estarían todos ocupados e mesmo algún composto. Aí permanecerían ata que crían a rolada. Os polos permanecen no niño dous meses ata que fan os primeiros voos. A partir de aí comezan a verse as concentracións unha vez finalizada a cría. Despois empezan a migrar. Ata finais de agosto ou setembro hai cegoñas.
-¿Cantos ovos poñen?
-Soen ser cinco ovos, pero algúns non eclosionan e outros morren, máis ou menos saen adiante entre dous e catro. Depende do ano, por exemplo esta última primavera foi bastante chuviosa e na Terra Cha foi baixa a produtividade.
Dous terzos das cegoñas de Galicia están en Lugo