Vivimos un tempo cheo de profundos contrastes; as nosas vidas sostéñense malamente, nun precario equilibrio, coma bambáns abaneados polo vento unha tarde de treboada, e, como non podemos facer outra cousa, aguantamos o temporal indecisos, sen sabermos exactamente cara a onde imos. A provincia de Lugo vén de incorporarse á «nova normalidade» ao tempo que se anuncia un gromo en Sarria; a campaña de vacinación avanza timidamente mentres, desde numerosos medios, se sementan dúbidas sobre a vacina de AstraZeneca; conviven a sensación de que podemos achegarnos ao final e a de que aínda non saímos do principio, se habemos de fiarnos das informacións sobre a proliferación de novas variantes. Todo semella cambiar vertixinosamente en cuestión de segundos, ou dependendo do punto de vista adoptado, e espállase como o lume a idea de que non avanzamos.
Cada unha de nós pode enfocar a situación tal e como lle apeteza, en función da súa resilencia ou da súa personalidade. A min, a verdade, fíxome rir a actitude deses individuos que, incumprindo as normas nun bar de Guitiriz no que había de rematar nunha multa exemplarizante, lles espetaron aos policías, que acabarían sancionándoos, se podían tomar a última. Imaxino a cara dos axentes, a súa incredulidade... É fascinante o acougo (non sei se inconsciencia ou marabillosa inocencia) dos protagonistas da anécdota. No fondo, é divertida. Non todos estamos feitos da mesma cepa. Ten mérito soster o tipo no día da apocalipse, ás portas do inferno, e negociar unha última copa antes da condena eterna. En fin, así somos os humanos, tan capaces dunha cousa coma da contraria, vítimas do histerismo inxustificado ou da calma no medio da desfeita.
Polo que a min respecta, recoñezo que daría algo por ser testemuña desa anécdota. E non só por unha razón lúdica. Estou convencida de que se trata dun episodio que agocha un enigma sobre a natureza humana que me encantaría descifrar. É o final perfecto para un conto, impredicible e ao mesmo tempo inevitable, e non se me poderá negar que apunta a unha verdade reveladora. A vida vai cara; mais case mereceron a pena os 60.000 euros.