O Museo Provincial de Lugo contará con dúas obras do sarriano José Díaz Fuentes

la voz LUGO

SARRIA

Maite Ferreiro, Aurelia Balseiro (directora MPL), Encarna Lago (xerente da Rede Museística Provincial) con Florence Normier e Mina Vrillet, comisaria da exposición clausurada
Maite Ferreiro, Aurelia Balseiro (directora MPL), Encarna Lago (xerente da Rede Museística Provincial) con Florence Normier e Mina Vrillet, comisaria da exposición clausurada CEDIDA

As pezas foron doadas pola víúva do artista, Florence Normier

02 mar 2023 . Actualizado a las 17:10 h.

O Museo Provincial de Lugo contará con dúas obras do escultor José Díaz Fuentes (Sarria 1940-Paris 2010) nas súas coleccións de Belas Artes. Trátase de «Laparada» (cedida), unha escultura en ferro, que pode verse no xardín do Museo Provincial de Lugo na Rúa Nova, e de «Retablo» (doada), unha peza artellada en madeira, ferro, teas e corda, que conxuga escultura e debuxo, como mostra da riqueza tradicional do traballo da madeira en Galicia. Instalarase na Sala 24 do Museo Provincial de Lugo.

A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, agradeceu «a xenerosidade da viúva do escultor Florence Normier, que permitirá ampliar a colección de escultura galega contemporánea do Museo de Lugo incorporando a obra dun artista, que malia transladarse a Francia a comezos dos setenta, alimentou o seu universo creativo das paisaxes da natureza e do patrimonio artístico, arquitectónico, literario e musical ligado ao Camiño de Santiago que viviu en Sarria».

As pezas formaron parte da mostra «José Díaz Fuentes. Retrospectiva. A árbore interior», que se clausurou este martes no Museo Provincial de Lugo despois de tres meses.No acto de entrega das pezas estiveron  Maite Ferreiro, Aurelia Balseiro (directora do Museo Provincial) e Encarna Lago (xerente da Rede Museística Provincial) con Florence Normier e Mina Vrillet, comisaria da exposición clausurada.