Yolanda Díaz, histórica galeguista de Sarria: «Fun a única muller entre 126 homes no Banco de Galicia de Uruguai»

Uxía Carrera Fernández
UXÍA CARRERA SARRIA / LA VOZ

SARRIA

Alberto López

A sarriá desvela nun libro a súa historia na emigración aos 89 anos: tivo que fuxir a Montevideo en 1952, onde se convertiu nunha figura do galeguismo nun mundo de homes

24 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A sarriá Yolanda Díaz Gallego cumprirá nuns meses 90 anos. Aínda que lembra con nostalxia o seu aspecto na xuventude, presume máis de que o que mellor ten é a cabeza. A súa memoria garda con detalle a que foi precisamente unha vida intelectual na que a formación e a intelixencia lle deron un lugar recoñecido na historia do galeguismo. En concreto, no activismo pola terra feito dende a emigración, en Uruguai. Díaz fíxose xefa nun mundo de homes e voz feminina da cultura galega en Montevideo. Agora, para dar valor ao compromiso dende América, escribiu por primeira vez un libro da súa historia.

A sarriaá presenta este venres es Sarria a publicación «Decidín desvelar o proceso. Na galeguidade asentouse o compromiso. Acción e evolución no Uruguai 1954-1978». Aínda que o seu forte labor comezou en América, a base da súa historia está na Sarria natal, onde viviu uns 18 anos. Os seus pais, xa ambos emigrantes —a súa nai en Uruguai e o seu pai en Cuba— tiñan na rúa Diego Pazo unha casa de comidas e un ultramarinos. 

«Non xoguei as bonecas, cas miñas amigas eu era a irmá solteira que tiña o negocio»

Fronte ao seu local estaba a Casa do Pobo, polo que o fermento revolucionario se fixo cliente deles. O seu pai entrou na última chamada para ir ao exército na Guerra Civil e foise a Asturias, pero coa vitoria do bando nacional xa nunca puido volver a Sarria porque o relacionaban cos republicanos. «Podo dicir que nin o coñecín». Así que quedaron a nai de Yolanda, ela como irmá maior e os seus dous irmáns. 

A sarriá viviu a ditadura franquista ata os 18 anos. Viviu sempre na localidade lucense ata que se trasladou a Coruña para estudar Peritaxe Mercantil, que rematou aos 18. Non era unha muller común: «No comercio era eu a que negociaba e a que mandaba as cartas para comprar a comida ou levaba as cartillas de racionamento. Non xoguei as bonecas, cas miñas amigas eu era a irmá solteira que tiña o negocio». Ese interese e actitude valeulle, porque ao rematar a carreira era una persoa totalmente formada.

Ao rematar os estudos, a falta de liberdade levou a súa nai a decidir emigrar a Uruguai, onde tiñan xa máis familia fuxida. «Díxome: 'Si nos vamos a Uruguay y a mí me pasa algo, ¿te haces cargo de tus hermanos?' E dixen que si». A saída tampouco foi sinxela, porque unha muller con estudos non podía casar cun militar, ocupar un cargo público ou saír ao exterior, é dicir, ter pasaporte, se non facía o servizo social. «Consistía en servir nun comedor, co que eu non tiña inconveniente, pero eu non me puña a camisa azul nin nada con frechas». Así que tivo que falsificar que era serventa para poder fuxir. «O barco foi de Vigo a Lisboa e ata que nos afastamos e era de noite estaba aterrada, nese momento xa puiden chorar». 

Da radio ao Banco de Galicia

Yolanda e a súa familia chegaron a Uruguai en 1953, topándose coa antítese dun mundo en liberdade. Os tres irmáns comezaron a traballar na mesma empresa e un ano despois xa cambiaron por coñecidos galegos. A poboación de Galicia emigrada funcionaba como una rede de apoio e comunidade. 

Foi a través destes coñecidos que Díaz coñeceu a Manuel Meilán, lucense emigrado que colaboraba no programa de radio «Sempre en Galicia», o máis antigo que existe en galego. «Chegamos falando de teatro e sabiamos case máis ca eles, o que lles sorprendeu vindo dunha muller», relata. Así que Meilán propúxolle volver ao estudio para locutar unha obra de teatro e así pasou 25 anos: «Empecei con Rosalía, Cabanillas... Fun perdendo medo, que non evolucionando, porque a evolución xa a tiña na cabeza». A sarriá aínda recita sen dubidar o saúdo en galego do programa de radio, que segue en emisión.

Díaz pasou a ser unha figura activa do galeguismo en Uruguai. Tres anos despois da súa chegada, foi membro do comité das primeiras xornadas de cultura galega en Montevideo: «Entrei traballar, non a que me mandaran». A sarriá organizou obras de teatro, conferencias, merendas ou recadou fondos para enviar a Galicia, a institucións coma o Padroado de Rosalía de Castro, ata 60.000 pasetas. «Os galegos de Arxentina mandaron os cartos para levantar as paredes do museo de Padrón e os de Uruguai mandamos os cartos para o acondicionamento interior». Máis de 45.000 galegos pertenceron á Casa de Galicia de Uruguai e había unas 15 asociacións, conformadas por «irmáns» que loitaban na distancia pola «terra nai».

O seu traballo nestas organizacións, que eran as mais fortes de emigrantes —«máis ca os cataláns, para eles era unha honra ser invitados»—, fixo que o presidente do Banco de Galicia a contratase para traballar. Chegou a ser xefa da casa central. «Era a única muller entre 126 homes». En toda a súa vida como traballadora e galeguista «fixéronme notar que era muller». Algúns compañeiros do banco incluso fixeron escritos cando a ascendían porque estaban en contra explicitamente por ser muller. «Sempre me mantiven cun pé no medio, sen enfrontarme, pero fun combativa».

Yolanda Díaz cos seus fillos no barco de volta a España
Yolanda Díaz cos seus fillos no barco de volta a España ALBERTO LÓPEZ

A súa vida en Uruguai rematou en 1978, cando a situación empeoraba económica e politicamente e incluso a policía uruguaia estivo detrás dos seus fillos. Nese momento, uns empresarios cataláns antifranquistas precisaban xente de confianza para xestións bancarias nun conglomerado de empresas en Barcelona, así que decidiron mudarse a Cataluña. O que non terminou foi o compromiso de Yolanda Díaz con Galicia, xa que presidiu durante 26 anos a asociación galeguista O Penedo, en Barcelona.

A emigración foi a resistencia do galeguismo

O entorno de Díaz Gallego sempre lle insistiu en que escribise as súas memorias, que son parte da historia de Galicia. O que fixo á sarriá decidirse, ademais do tempo libre na casa que tivo na pandemia, foi ver a deriva que estaba collendo —entre os propios galeguistas actuais— o relato que se ten da emigración. «Falan de que só quedabamos para comer e pasalo ben, pero pasámolas negras loitando polos dereitos do pobo galego», sentencia. 

Por iso, agora conta o que viviu en Uruguai, Arxentina, México ou Ecuador como parte do forte tecido galeguista que emigrou e tamén como unhas das poucas mulleres recoñecidas no relato histórico. Aínda así, no libro conta «todo, todo, todo» porque aínda que «sei que o mundo cambiou, sempre queda algo de medo ou desconfianza de que se repita a historia».