![Alumnos da escola Xela Arias elaborando papel reciclado, unha actividade moi fomentada no centro](https://img.lavdg.com/sc/AStGLtkx-rqerCbccuoTt004aAE=/480x/2024/03/01/00121709308141381714721/Foto/M_20240301_125530000.jpg)
![Outro momento da elaboración de papel reciclado na escola sarriá](https://img.lavdg.com/sc/WRhs_bbu64yJALoeAvXUCAd3wHk=/480x/2024/03/01/00121709308201996593724/Foto/M_20240301_125632000.jpg)
![Os alumnos da escola Xela Arias confeccinaron felicitacións de Nadal con papel reciclado elaborado por eles mesmos](https://img.lavdg.com/sc/BORAhNjK7llfurpNl_8iEkiv-Ag=/480x/2024/03/01/00121709308201733630534/Foto/M_20240301_130029000.jpg)
![A raposa Xeliña, mascota do centro, propón aos nenos diferentes actividades de educación ambiental](https://img.lavdg.com/sc/LzFOxjOOjiiErEBdvLj4cH_xEp8=/480x/2024/03/01/00121709308261320126518/Foto/M_20240301_130140000.jpg)
A centro resalta a importancia para a educación infantil destas actividades, organizadas co apoio do programa Voz Natura
04 mar 2024 . Actualizado a las 18:59 h.Os xogos e os contos ocupan un importante papel nas iniciativas de educación ambiental que desenvolve a escola infantil Xela Arias de Sarria co apoio do programa Voz Natura. «Estas actividades sempre están relacionadas co que máis lles gusta aos nenos», explica a profesora Cristina Rodríguez Álvarez. «As mestras do centro sinalan que esta é a mellor etapa para adquirir rutinas medioambientais, porque a que neno ou nena non lle gustan os animais, as plantas, as flores ou xogar coa terra?», engade.
Unha das actividades ás que se dá máis importancia na escola, apunta por outro lado a docente, é a elaboración de papel reciclado. No centro xa é unha tradición preparar felicitacións de Nadal con este material, o que se volveu facer este curso. «É unha actividade que aos nenos lles gusta moito e na que rompen, mesturan e crean o seu propio papel», di Rodríguez. Os rapaces, engade, «poñen tanto interese na reciclaxe que nas aulas xa comezan a separar os residuos en tres contedores».
A escola Xela Arias, di por outro lado Rodríguez, non dispón dun espazo moi amplo para actividades ambientais, «pero intentamos sacarlle o máximo rendemento». Para este curso está previsto acondicionar ao redor do patio da escola —para o que se pediu axuda ao Concello— unha pequena zona verde na que se cultivarán diversas plantas florais e aromáticas. O centro, agrega a profesora, conta cun pequeno invernadoiro que os nenos están preparando agora para sementar e transplantar froitos das hortas que cada un pode ter na súa casa e que logo coidarán e regarán». O invernadoiro está decorado con imaxes da mascota do centro, unha raposa chamada Xeliña, que propón aos nenos diferentes actividades ambientais.
Os contos propostos por Xeliña, indica Rodríguez, tratan sobre os animais, as plantas e o medio natural, «Co conto do polo Pepe os nenos coñeceron a cebada e o millo e aprenderon a importancia de coidar os animais, especialmente as galiñas, mentres que co conto da bruxa Pampurrias coñeceron os traballo que se fai nas granxas», explica.
As condiciones meteorolóxicas do pasado outono, por outro lado, impediron aos alumnos da escola visitar un souto —o que se adoita facer todos os anos— para recoller follas e froitos. Pero en novembro o centro puido celebrar o Mes da Ciencia con diversas actividades, como experimentos con flores e reciclaxe de ceras de cores. A escola tamén convida a algúns familiares dos alumnos para que lles conten en que traballan. «O ano pasado tivemos encontros cun apicultor e un axente forestal, o que permite que os alumnos valoren a importancia de certas profesións para o coidado do noso entorno», di a profesora.
Voz Natura é un programa de educación ambiental de La Voz de Galicia desenvolvido pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre que co patrocinio de la Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Deputación da Coruña, El Corte Inglés, la Fundación Ramón Areces e Inditex.