O lume de San Xoán acendeu Lugo e a provincia

LA VOZ LUGO

SARRIA

As celebracións sucedéronse en varios municipios, sendo Sarria e Guitiriz dos máis destacados

24 jun 2025 . Actualizado a las 11:48 h.

A noite máis curta e máis máxica do ano non pasou desapercibida na provincia de Lugo. As cacharelas acenderon varias localidades, atopando os veciños un motivo para reunirse e gozar da gastronomía que pon nome ao San Xoán, as sardiñas e os liscos.

En Sarria a tradición vén de polo menos o 1600 e parece que non pasou o tempo, pois a esencia e as ganas de celebrar seguen intactas, cun programa que deixa de medrar e que fai unir coma ningún outro á veciñanza. Este luns, tras unha touciñada popular, actuou o grupo Éoas, fixeron queimada e acenderon a fogueira. Despois, tivo lugar un dos actos máis esperados, o Correlume, o espectáculo de lume que percorre a localidade deixando escenas máxicas e que este ano correu a cargo da agrupación Dimonis de la Plana. E para rematar a xornada de onte —hoxe aínda hai festa durante todo o día— celebraron unha verbena no campo de rugby coa orquestra Finisterre.

Tamén en Guitiriz esta festa ten as súas costas unha longa traxectoria e este luns quedou constancia da ansia coa que se vive, ao igual que en Becerreá, onde non faltou a música, a queimada e os conxuros despois de tres días de celebración. En Lugo cidade, no barrio de A Piringalla, levan máis de dúas décadas celebrando a festa do Becerreo ao Espeto, con motivo do San Xoán, e acenderon a fogueira á media noite. Neste contexto, tamén a Rede Asociativa de Lugo organizou o Lume Novo Asociativo, na parte baixa da Rúa das Artes, que contou cun taller de recollida de herbas e con varias fogueiras, a primeira delas ás 20.00 para poder saltar enriba dela os máis pequenos e non marchar durmir sen o seu momento.