O BNG e o PP de Sarria denuncian a «ineficiencia» da xestión de Camiña Sarria no que se refire ao servizo do lixo
SARRIA
Os populares aseguran que a ordenanza proposta polo equipo de goberno «non era asumible técnica nin económicamente» e os nacionalistas din que «é ridículo que despois de sete anos de mandato se trate de culpar agora á oposición»
12 nov 2025 . Actualizado a las 19:47 h.O ambiente está tenso na corporación municipal de Sarria tras propoñer o equipo de goberno unha subida da taxa de recollida do lixo. Este martes Camiña Sarria pedía á oposición que elabore unha ordenanza conxunta —posto que votou en contra da súa proposta— para incrementar o custo, paliar o déficit e licitar de novo o servizo, sen concurso dende 2005. E este mesmo mércores tanto o BNG como o PP responderon denunciando a «ineficiencia de xestión de Camiña Sarria». «O Goberno pretendía repercutir a todos os sarriaos a ineficiencia da súa xestión durante os últimos cinco anos, nos que mantivo un contrato caducado», aseguran os populares.
«O señor Garrido e Camiña Sarria levan xa case sete anos de goberno, e nestes sete anos que fixo o actual alcalde para renovar o servizo? Nada. Deixouno esmorecer até chegar a desastrosa situación actual e agora pretende culpar aos demais», coinciden dende o BNG, que se refire tamén ao recente acordo entre Camiña Sarria e o Partido Popular. «Froito dese acordo puideron sacar adiante a subida histórica tanto do IBI como do imposto de circulación. Non poden culpar ao noso grupo de non ser capaces de manter o acordo cos seus socios preferentes o PP», sentencian.
Tanto os populares coma os nacionalistas falan dunha «gran subida». «Pretenden facer unha suba repentina que acadaría nalgúns casos mais do 800 %, unha suba baseada en criterios aleatorios e inconsistentes que moi probablemente sería anulada en sede xudicial», abundan dende as filas do PP. «Se neste ano debido ao taxazo de Sogama había que facer unha gran subida do recibo da recollida do lixo non era o momento subir nin o IBI nin o imposto de circulación», enganden os do BNG. «Se Camiña Sarria quere que participemos nunha negociación sobre a ordenanza do lixo —continúan— deberá deixar o IBI e imposto de circulación nos niveis que estaban antes desta suba».
«O Goberno local pretendía repercutir a todos os sarriaos a ineficiencia da súa xestión durante os últimos cinco anos, nos que mantivo un contrato caducado», sinala o PP, que asegura que a proposta partía «da improvisación, obviando, ademáis, as repercusións para os veciños, autónomos e pequenas empresas». Califican a ordenanza de «ilegal, arbitraria e inxusta».
«É ridículo que despois de sete anos de goberno, nos que nada se fixo para renovar o contrato do lixo e mellorar o servizo, agora trate de culpabilizar a oposición», conclúe o portavoz do BNG, Efrén Castro. O PP, pola súa parte, engade que o seu voto en contra foi «un voto de responsabilidade para protexer aos veciños e ao propio Concello das consecuencias de aprobar unha norma ilegal ao non garantir cumprir co principio 'quen contamina paga', que é a esixencia fundamental da norma que o propio Concello utilizaba como pretexto para a suba».
«Se esta ordenanza se aprobase, colocaría a Sarria nunha situación aínda peor que a actual, xa que en caso de ser recorrida, algo bastante probable atendendo as importantes repercusións económicas, sería con moita probabilidade, anulada polos tribunais, obrigando ao Concello a devolver os importes indebidamente cobrados», insisten dende o PP, ao tempo que queren deixar clara a súa «postura negociadora».
«Dende o Partido Popular intentamos aportar para acadar unha proposta asumible, advertimos ademáis de que a aplicación da nova taxa implicaría unha recadación maior ao custo (1.461.300,58 €), polo menos durante o primeiro ano», explican. E conclúen que «sabían perfectamente que o custo durante ese periodo inicial nunca alcanzaría o importe que pretendían recadar, pero nin sequera así foi posible chegar a un acordo sobre unha suba escalonada, como si están a facer outros concellos».