Na Terra Chá, veñen de producirse tres recoñecementos extraordinarios. Xa de por si a Terra Chá é algo extraordinario, porque cando eu era un rapaz non existía como tal, e falábase da «comarca central de Lugo», recibindo o nome de «Tierra Llana» unha zona de Cospeito e Castro de Rei, obxecto dunha acción especial do Iryda, á que se trasladou aos habitantes de Negueira de Muñiz que quedaron illados pola construción dun embalse.
Pero en 1959 apareceu o libro Terra Chá, de Manuel María, e conseguiu -dise que é o único caso do mundo no que unha terra toma o nome dun libro- que a gran comarca chairega adquirirá nome propio.
O venres, en Vilalba, Xermolos e a Irmandade Manuel María homenaxearon ao vilalbés Ramón Luís Chao Rego -o pai de Manu Chao, por certo- asignándolle un Hectómetro literario do Paseo dos Soños, para que -décimo dos homenaxeados -comparta espazo cos fitos monumentais de Manuel María, Paco Martín, Xosé Manuel Carballo ou mesmo seu irmán Xosé Chao Rego.
Tamén o venres, e tamén en Vilalba, homenaxeouse pola madrileña Xuntanza da Terra Chá, aos vilalbeses Eugenio Basanta Curbera e Antonio López García,Toni. Eugenio Basanta tivo destacadas responsabilidades en materia de urbanismo e unha longa traxectoria de vilalbesismo.Toni é xornalista, licenciado en Xornalismo e Historia por Compostela, redactor da Radio Galega, superando unha cegueira que para outro sería barreira infranqueable.
Ditoso o pobo que sabe honrar a tres persoeiros, honrando de paso á terra, e a todos os seus habitantes, capaces de recoñecer e admirar aos máis destacados entre todos eles.