O  capón, de Roma a Vilalba

Xosé Antón Pombo VILALBA

VILALBA

29 dic 2015 . Actualizado a las 14:18 h.

Xa se sabe do aprecio que hoxe temos aos capóns tanto polo ben que nos saben como por ser unha desculpa para sentar amigos e parentes ao redor da mesa. Tamén é coñecido que se usaban noutrora como modo de pagamento de rendas de leiras ou casas, e de favores de promoción laboral e social. O que se cadra non se coñece tan ben é de onde vén o costume de crialos; e para indagar no asunto, e coma case sempre, é conveniente acudir aos antigos romanos, que sabían de moitas cousas e tamén de agricultura e gandería, é dicir, do que eles chamaban asuntos rústicos. 

   Pois ben, os estudosos de hai dous mil anos recomendaban que os galiñeiros ou aviarios estivesen orientados ao nacente, protexidos da calor intensa e do frío excesivo, e construídos de tal xeito que outras aves non puidesen nin rapiñar os pitos nin roubar a comida que se lles botaba a galos, galiñas e capóns. Valorábase o moito que estas aves aproveitaban para unha casa e recomendábase que se gardasen os mellores exemplares para as celebracións. Tamén se debían escoller os exemplares para continuar coa casta. Así os lascivos galos debían ser fornidos, de crista vermella, bo corpo, pico curto, ollos amarelos ou mouros, barba encarnada con algo de branco, colo de cor dourada, pernas plumosas e curtas, unllas longas, rabos grandes, cacarexadores e firmes na defensa das galiñas. Das pitas preferíanse as prolíficas, con pluma roxa, corpo mouro, dedas desiguais, cabeza grande e crista erecta e grande, xa que estas serían as máis aptas para a posta. 

 Para que o galiñeiro prosperase, había que manter con alimento adecuado tanto a galos e galiñas coma capóns, tamén chamados semimachos. Recomendábase fariña de cebada amasada con auga coa que se facían unhas bólas que se lles botaban nos comedeiros. E de querer que estivesen máis gordos, sobre as bólas botábaselles augamel e mesmo había quen lles daba pantrigo mollado cunha mestura dunha parte de viño e dúas de auga. 

   Os pitiños, durante quince días, nun lugar onde se lles botase area seca que non lles fixese mal aos seus peteiros, alimentábanse pola mañá cunha polenta de cebada mesturada con sementes de mastuerzo, todo moído nun pouco de auga. E sempre con espazos para que tomasen o sol e puidesen andar na terra. 

  Ben se ve que algúns coñecementos veñen de vello e ben se entende que cómpre seleccionar os exemplares que enchan os galiñeiros. Criar capóns é un arduo labor que foi mellorando nos últimos tempos, pero non me negará, amigo lector, que os fundamentos do engorde dos pitos xa estaban escritos hai dous mil anos. E desexamos que continúen outros dous mil para que amigos e parentes senten á mesa onde compartan as alegrías de todos.