«Cada ano vendo ata 30.000 euros de lotería pola Costa e Vilalba en 21 días»

Lucía Rey
LUCÍA REY VIVEIRO / LA VOZ

VILALBA

PEPA LOSADA

En decembro sempre recorre a costa lucense ofrecendo participacións de Espasante

11 dic 2017 . Actualizado a las 10:03 h.

Cada decembro regresan á comarca o turrón, os polvoróns, a iluminación de Nadal..., e tamén o sorriso e a labia de Xurxo Laxe Aneiros (Espasante, 1975), especialista en vender lotería en cantidades industriais en bares, rúas, comercios.... «Menos a menores de idade, véndolle a todo dios», confesa.

-O resto do ano non se deixa ver, pero en decembro é fácil atopalo, está en todas partes...

-Son as tres semanas que vendo lotería, non hai máis. Fago igual que o programa de Samanta [o televisivo 21 días], do 1 ao 21 de decembro, ata que é o sorteo. Comecei cando en Espasante había un equipo de baloncesto federado do que eu formei parte como xogador, adestrador de xuvenís..., e a lotería era unha maneira de poder pagar desprazamentos, arbitraxes, aos xogadores... Ortigueira non nos axudaba, non tiñamos nin pavillón, que o primeiro ano deixóunolo Xove. Iso foi no 94-95. Daquela vendía lotería de maneira desinteresada, pero agora cobro. A min páganme un soldo, e non me podo queixar, estou ben pago.

-¿En que consiste o seu día a día durante a «campaña» de venta de lotería?

-Consiste en levantarse entre as sete e as oito da mañá, coller un tren ou un bus, ou que me leve alguén da peña que me contrata..., e ir aos comercios, á xente que anda pola rúa... Recorro toda a Mariña. Chego a Ribadeo, algunha vez cheguei ata Navia, e vou ata Ferrol, toda a costa. E polo interior vou a As Pontes e ás veces a Vilalba, á Feira do Capón.

-¿Sabe canta lotería vende?

-En cantidade de lotería, cada ano vendo entre 25.000 e 30.000 euros de lotería en tan só 21 días. Iso dá que andar. Cando remato, acabo canso, sobre todo de falar. Este curro é duro, son moitas horas pero ten moitas cousas positivas: falas con moita xente e ves caras moi diferentes, es dono do teu tempo, sabes que tes que facelo, pero falo ao teu ritmo, e nunca ninguén me dixo: «Vendiche pouca». A maior parte da xente é agradecida e dime: «Se non é por ti non a daríamos vendido». A min dinme canta cantidade de lotería hai, e márcome a taxa que debo vender cada día, aínda que non me machaco niso. O habitual é que venda o 90 ou 95% da que me dan. No mes de novembro, e non é tirarse da moto, chámanme como mínimo de seis comisións.

-Ten lista de espera, logo...

-Podo parecer sobrado, pero si, é certo. O que lle esixo á quen me contrata é que a lotería que vendo poda ser cobrada no sitio no que a vendo. Eu á persoa que me compra en Ribadeo ou en Viveiro non lle vou facer ir a Espasante se lle tocan dez euros, que xa se lle van en gasolina. Iso déixoo moi claro desde o principio, igual que os horarios.

-Ás veces que che ofrezan seguido lotería faise un pouco pesado, é caro..., ¿que tal o acolle a cidadanía?

-A gran vantaxe miña é que a xente xa me coñece. Xa creache un pilar para que te vexa con outra cara. Aínda que hai quen non me pode ver, mira para abaixo, pon mala cara. Pensei que este ano, como vendo para a peña do Barça de Espasante, a xente ía ser máis reacia polo tema de Cataluña, porque todo afecta, pero non.

-¿Tocou algunha vez?

-Premio grande, cero. Pedreas ou reintegros deben levar tocado dúas ou tres veces. Estaría encantado de entregar o gordo, ou un segundo ou terceiro premio tampouco estaría mal.

«Recorro toda a costa de Ferrol a Ribadeo, e polo interior vou a As Pontes e á Feira do Capón de Vilalba»

«O que lle esixo a quen me contrata é que, se toca, a lotería poda ser cobrada no sitio onde a vendo»