«Ser párroco é o máis gratificante»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

VILALBA

ÓSCAR CELA

Uxío García Amor ten 90 anos, dirixe a Coral Polifónica Vilalbesa, pero pensa continuar coa actividade e rexeita a idea de xubilarse

16 ago 2022 . Actualizado a las 12:40 h.

Uxío García Amor dirixe a Coral Polifónica Vilalbesa, e hai anos, en Mondoñedo, fixo o mesmo labor co Orfeón da Sociedade de Obreiros. De cando en vez toca o órgano da igrexa de Vilalba. Pertence á unidade pastoral vilalbesa, que atende 15 parroquias de Vilalba e unha de Xermade (Cazás); resulta habitual velo en actos culturais, e é socio de honra do Instituto de Estudos Chairegos (Iescha). Cómpre engadir un dato: ten 90 anos.

-Que é o importante para manter unha actividade como a súa aos seus anos?

-A clave [sorrí] é a vocación do sacerdocio. Estamos para servir, e hai que aproveitar as oportunidades que o Señor nos dá, velo como a responsabilidade de dirixir unha comunidade cristiá.

-No Seminario de Mondoñedo hai unha residencia para cregos maiores, que xa deixaron a actividade. Pensa algunha vez en xubilarse?

-Penso continuar traballando mentres o Señor mo permita. A xubilación [sorri outra vez] é para recoñecer os anos e as debilidades que un ten.

-Noutras profesións, cos anos, un pode perder entusiasmo, pero tamén gaña experiencia. Ocorre o mesmo no caso dun crego? Mantense a ilusión?

-Eu creo que a ilusión se sente por ver que a vida vale para algo. Hai tamén unhas iniciativas, unhas capacidades, que non había ao principio da miña vida sacerdotal, sobre todo no mundo rural.

-Ve diferenzas entre os vostede e os cregos da súa xeración e os de agora?

-Os curas que se ordenan agora son poucos. Antes os cursos eran de 50 ou de 60 compañeiros. Había unha capacidade de compartir, de xuntarnos, de colaborar... A miña vida sacerdotal vivina en oficinas, no Bispado [de Mondoñedo-Ferrol]; pero o feito de estar encargado de parroquias rurais implicou ter que axudar en todos os campos.

-Dentro dunha vida sacerdotal, ser párroco é o labor máis gratificante?

-Para min, si. Co traballo de oficina, tes que levar conta de cuestións administrativas, estar pendente de trámites... O contacto coa xente sempre foi valioso, aproveveitei as oportunidades que o Señor me deu.

-Ten tanta ilusión como cando comezou a vida sacerdotal?

-Non. A ilusión vaise perdendo, vendo que non tes capacidades para o que quixeras prestar. Por outra banda, o feito de que sexamos moitos menos [sacerdotes] fai que teñas que multiplicarte. Hai que ir dun lado para outro, tentar cumprir... Hai máis dificultades.

-Seguirá mentres poida?

-A miña idea é seguir para o que poida valer; retirarme, non. Sempre terei ánimo de seguir traballando no que eu poida facer.

-Volvería ser cura?

-Claro. Foi a miña vocación inicial, e estou agradecido de que o Señor me permitise continuar con fidelidade ao punto de partida.

-Tivo vostede vocación dende moi novo?

-Si. Dende os 12 ou 13 anos, cando rematei os estudos iniciais. Era unha oportunidade que se me ofrecía, e o feito de que a miña familia estivese vencellada á parroquia tamén influiu.