
Di que o deporte cambiou e que a xente está máis pendente dos cartos que gañará
31 mar 2024 . Actualizado a las 13:36 h.Hai futbolistas que son lembrados pola súa longa pertenza a un clube: Steven Gerrard pasou 17 temporadas no Liverpool, e Xabi Prieto, 15 na Real Sociedade. Son traxectorias interesantes tendo en conta que os ciclos semellan cada vez máis curtos, pero máis admirable resulta o exemplo de quen pasa 23 temporadas seguidas no mesmo lugar. Para atopar o protagonista cómpre dirixir a ollada a Vilalba, onde Pablo Vivero vén de anunciar a súa retirada, pouco despois de comezar a vixésimo cuarta.
-Un neno ou un rapaz xogan ao fútbol cos amigos, simplemente porque lles gusta. Vese reflectido nesa imaxe?
-É o máis doado, porque só necesitas un balón e un campo. Un tío meu, Jesús Vivero, xogou no Racing Vilalbés, e iamos velo xogar meus pais e máis eu. Cando foi presidente, díxolles a meus pais: ‘Por que non o traedes aquí?'. Daquela non todos os equipos tiñan tantas categorías coma o Racing. Entrei..., e ata hoxe.
-Pode un adolescente prever nalgún momento o futuro cando comeza a xogar?
-Non. Xogas ao fútbol porque che gusta, porque desfrutas; e creo que se está perdendo iso, porque se tenta ver o que será un neno dentro de dez anos. O que importa é queimar etapas e desfrutar ademais de formarte como persoa, porque o fútbol axuda a formarte. Nunca pensei máis alá diso.
-Dende a xuvertude ata a madurez, en que lle axudou o fútbol?
-Axudoume no desenvolvemento persoal. Son unha persoa tímida, e estar nun vestiario obrígate a convivir, a relacionarte. Adquires tamén autonomía porque estás só. Xa fun capitán do equipo cadete, e iso axudoume tamén a ser un pouco líder.
-Pérdese na vida máis do que se gaña se un xoga ao fútbol tantos anos como o fixo vostede?
-Pode haber xente que o chegue a pensar; no meu caso concreto , non. A verdade é que o fútbol, se te ilusiona, se che gusta, dáche moitas satisfaccións. Sabes que deixas de facer cousas; pero cando fas esa elección conscientemente, ninguén te obriga. Entendo que fagas esa reflexión: ‘Compensa?'. Creo que si.
-Os nenos hoxe queren ser Messi, Cristiano Ronaldo... Non hai demasiada presión?
-En Terceira División, non. Pero eu teño un neno, que xa xoga, e vexo pais pendentes diso. No fútbol hai unha cousa que inflúe, a sorte. Eu vin xente con grandes características, e por non estaren no momento indicado ou polo que fose non chegaron. O importante é que os nenos o pasen ben. Cada un ten o seu don: se xogas ben, xogas ben; se non, non, por moito que adestres. O paso á elite xa depende de moitos factores.
-Cambiou o fútbol dende que vostede comezou? É o mesmo?
-Non é o mesmo. Cando comecei a xogar, a xente tiña unha axuda económica, pero xogaba por desfrutar. Hoxe a xente móvese a nivel económico. Iso si cambiou. Tamén cambiaron as infraestruturas: en calquera sitio ves un campo ben preparado.
-Sobráronlle anos de fútbol?
-Non. Cada ano fas a mesma pregunta; e vía que non, cría que aínda estaba para achegar cousas.
-Ve nos xogadores novos de hoxe o que vostede era hai anos, o que quería ser...?
-Si. E moitas cousas que che recordan o tempo no que comezabas: a ilusión, a timidez... Un tenta dar algún consello; non moitos, porque tampouco me gusta ser o abuelo Cebolleta.
-Un domingo ás dúas da tarde, que sente?
-Estou pendente do partido [do Racing] polo móbil, pola radio ou polo que sexa. Non tiña un ritual os días de partido, pero si estou pendente dos meus compañeiros.
«O Racing descenderá, e non pasará nada: o apoio dos socios será o mesmo»
O Racing Vilalbés xogou dúas promocións de ascenso a Segunda B nos últimos anos. Vivero di que foron un bo xeito de apreciar o esforzo do equipo, competindo contra outros de nivel económico moito maior e sentindo o apoio de xente que percorre en autobús centos e centos de quilómetros. Por outra banda, os equipos de categorías inferiores tamén acadaron éxitos recentemente, aínda que cre que non son situacións semellantes.
-Que futuro lle ve ao Racing?
-Ten un futuro complicado no equipo amateur [Terceira División]. Nas categorías inferiores véxolle un futuro moi bo, porque se fai un bo traballo. Véxolle un futuro complicado ao primeiro equipo porque o fútbol está outra vez nunha burbulla económica que non se corresponde co resto da sociedade. O Racing non pode entrar a competir niso. Os xogadores móvenes por intereses económicos, e [o Racing] non pode pagar o doutros clubes. Antes ou despois o Racing descenderá, e non pasará nada: o apoio da masa social será o mesmo. O importante son os máis de 200 rapaces das categorías inferiores.
-Chegará a ser adestrador?
-Non. En primeiro lugar, porque sería volver ás rutinas de sempre, a perder fins de semana. Non creo que o meu carácter sirva para iso: son unha persoa tranquila, pero no fútbol son impulsivo. Xa mo ofreceron, pero non o vexo.
-Nota que lle falta algo?
-Non. Creo que debía de ser o momento de deixalo, porque non teño esa ansiedade de xogar. Creo que foi o momento axeitado, e a decisión, a correcta. As gañas de competir mátanse con outras cousas, como o pádel.
-Sentiuse querido?
-Moi querido. Máis agora, con xente que me atopa pola rúa e me di ‘que pena'.