Vilalba fixo canto puido por ter tren, pero non o deu conseguido

XOSÉ A. POMBO

VILALBA

ARCHIVO IESCHA

A demanda por ser parte do trazado Lugo-Ribadeo no Ferrocarril Central perdeu forza a finais dos anos vinte do século pasado

16 mar 2020 . Actualizado a las 15:16 h.

En 1927 a prensa de Vilalba recordaba que o asunto de construír o ferrocarril que pasase pola localidade non avanzaba. Para maior alarma apareceu o roxe-roxe de que a vila podía perder a cabeceira do partido xudicial. Para amañar o asunto, e como era costume, formouse unha comisión de forzas vivas que visitou o presidente da Audiencia provincial e que regresou coas mellores esperanzas de que o xulgado de primeira instancia continuaría en Vilalba.

Daquela caeron as últimas acacias que aínda quedaban en pé na rúa Rodríguez de Viguri (hoxe da Pravia), aquelas que os escolares, celebrando o Día da Árbore, plantaran quince anos antes. As do chamado Cantón, diante da igrexa parroquial, xa se pincharan dous anos antes. Como consecuencia da expansión da vila abríase A Chouzana á circulación, e dada a importancia do movemento económico en feiras e comercio establecíanse en Vilalba dous bancos, o Pastor e o da Coruña, entidades que con sucesivas absorcións e fusións aínda están presentes na vila.

En obras locais pídese que se repare o camiño ao cemiterio para que deixe ser unha lameira. E que se vixíen os camiños de acceso á vila para que non sexan depósitos de residuos. A finais de ano, respondendo a unha crítica lanzada dende «El Progreso Villalbés», será a Unión Comercial Villalbesa e García Hermida dende o «Heraldo de Villalba» os que volvan demandar o ferrocarril pedindo a unión de todos os implicados.

En 1928, na primavera, inícianse obras de restauración na capela de Santa María Magdalena, que culminarían as xa realizadas nos últimos vinte anos nas de Guadalupe e San Roque. Os señores Polo, Vicente Quintela, Crespo e Antonio Peña Novo tomaron a iniciativa de constituír unha sociedade por accións para subministrar fluído eléctrico para usos domésticos e industriais a Vilalba. Contábase cun bo salto de auga na Balsa.

Naturalmente nomeouse unha comisión. Dende os xornais «El Progreso Villalbés» e Heraldo de Villalba» volve demandarse o Central Gallego. Conscientes todos da importancia da conexión ferroviaria, o Concello, na sesión de maio, acordou ofrecer gratis os terreos necesarios para que se construíse o ansiado tramo de Baamonde a Vilalba. Un mes máis tarde volve pedirse este tramo cando as entidades locais se dirixan ao Consello de Administración da compañía de Ferrocarriles del Norte.

Eran elas a Unión Comercial Villalbesa, Casino de Villalba, Centro de Artesanos, Sporting Club Villalbés, Unión Ciudadana e os sindicatos agrarios católicos de Santaballa, Lanzós e San Simón. Ante a resposta de que o asunto dependía do Estado, a primeiros de agosto formouse unha comisión que foi ata Mondariz, onde veraneaba Primo de Rivera, para oportunas entrevistas e que se interesasen no asunto. E como se celebrase un Consello de Ministros na Coruña o día 14, ese día enviáronselle telegramas recordando aos ministros a importancia dos 14 quilómetros de ferrocarril de Baamonde a Vilalba.

Un mes máis tarde volven as organizacións vilalbesas dirixirse ao titular de Fomento no Goberno de España para pedirlle que incluíse o tramo Baamonde-Vilalba no plan de ferrocarrís secundarios. E iso sen esquecer o Central Gallego. Novas comisións, novos estudos e novos chamamentos ao seu trazado parecían aportar outras expectativas a finais de 1928 e inicios de 1929.

E como a vida diaria continuaba, pídese, outra vez, que se amañen as rúas e estradas e que se constrúa unha traída de auga para mellorar a salubridade pública. Pero a finais daquel ano de 1929 o pesimismo facíase presente no «Heraldo de Villalba». Sóubose que se celebrara unha reunión en Lugo para tratar do Central Gallego e que se propuxeran cinco solucións sen que ningunha favorecese a Vilalba, que, por certo, non estaba representada. O pesar de Antonio García Hermida nas páxinas do «Heraldo de Villalba» maniféstase con resignadas e atinadas palabras: «Fíxose o que se puido e non se puido máis».

E como o tempo pasaba inexorable, plantábanse novas árbores no campo da feira, nomeábase novo alcalde, anunciábase un novenario de defuntos, chegaba a parada de cabalos sementais do exército, instalábase unha billa na fonte de diante da Casa do Concello, non se implantaba o horario de verán e no Teatro Villalbés continuaban as representacións das compañías itinerantes. Aquel teatro de arquitectura modernista que, andando os anos, desapareceu vítima da especulación ao igual que desapareceron as murallas do castelo.

A prensa da época non volveu dar noticias do tan ansiado tren. As locomotoras que traerían canda si o progreso económico e social non tomaron rumbo ao norte da provincia de Lugo. Dalgún despacho dalgún ministro os papeis acompañados da dotación orzamentaria necesaria nunca saíron. Se cadra os recursos necesarios para as obras tomaron outros camiños. Atrás quedaron anos de esforzos, xestións, esperanzas, ríos de tinta... Pero permaneceu, como permanece, o recordo.

Máis de vinte anos despois, nas tardes de invernía, antes de que chegase a televisión, cando se contaban contos nas cociñas das casas de Vilalba, aínda se falaba do ferrocarril que puido chegar e que se cadra chegaría. Hoxe non está, pero aínda se espera por el. Poida que haxa que agardar, pero cento trinta anos parece tempo de máis.