Elba Veleiro, alcaldesa de Vilalba: «Quizais se fallou ao comunicar todo o que fixemos neste mandato»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

VILALBA

Elba Veleiro cre que o PSOE fixo un bo traballo neste mandato.
Elba Veleiro cre que o PSOE fixo un bo traballo neste mandato. REBECA FERNANDEZ

Abre a porta a contactos con outras forzas para chegar a algún acordo

17 jun 2023 . Actualizado a las 18:26 h.

Catro anos dan para moito: dende o punto de vista político, pódese chegar ao primeiro posto nunhas eleccións e perdelo nas seguintes. Iso pasou en Vilalba, onde o PSOE necesita un acordo con Vilalba Aberta e co BNG para manter o goberno. Elba Veleiro, alcaldesa, recoñece que chega un momento de diálogo e de acordos.

O PSOE baixou de oito a cinco concelleiros, cunha diminución de 1.600 votos. No 2019, ao perder o PP a maioría absoluta, o PSOE e Vilalba Aberta asinaron un acordo de goberno que durou soamente un ano. Dende entón os socialistas dirixiron o Concello en solitario.

 -Foron unha sorpresa os resultados das eleccións?

-Este foi un mandato estraño. Fíxose moito traballo nestes catro anos. Foi unha sorpresa esa diminución de apoios; pero, evidentemente, hai que respectar a decisión dos cidadáns. Estamos nunha fase de análise do traballo anterior.

-Fallou a xestión ou fallou a explicación da xestión?

-Creo que se fixo unha boa xestión, aínda que seguro que houbo algún erro. Quizais se fallou na comunicación do que fixemos para que se traballo fose avaliado polos cidadáns. Quizais, dende fóra, non se viu ben todo ese traballo, que foi intenso e constante.

-Chega o momento de pactos para formar goberno?

-Hai catro forzas políticas en Vilalba, e o PP é o gañador. Temos que analizar a situación que se dá. A cidadanía non lle deu a maioría absoluta ao PP. Supoño que as outras forzas farán a súa reflexión; nós estamos nesa fase. Xa veremos a situación que se toma. Somos a segunda forza, coa posibiidade de facer un pacto e de falar con outras forzas e de ver se se chega a un acordo. O noso obxectivo é servir ás vilalbesas e aos vilalbeses.

-Influirá o que pasou con Vilalba Aberta, cun pacto de goberno que se asinou e que logo se rompeu?

-Era un momento diferente. Veremos como se desenvolven as conversas con outras forzas políticas para ver cal é o seu proxecto.